Amplíase o prazo de inscrición para a Libre Software World Conference 2012, que se celebrará en Santiago o 18 e 19 de outubro
Debido á boa acollida de público, que supera xa os 300 inscritos, prorrógase a inscrición ata o xoves 11
Xa está dispoñible o programa definitivo que, como novidade, inclúe un Espazo Comunidade para o encontro e debate das Comunidades de Desenvolvedores asociadas a Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España
Son xa más de 300 os inscritos na III Libre Software World Conference (LSWC'12 ) , que se celebrará os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Ante esta afluencia de público a organización amplía o prazo de inscrición ata o vindeiro xoves 11 de outubro. A asistencia é totalmente gratuíta e pode realizarse a través da web www.libresoftwareworldconference.com
Este encontro internacional, organizado pola Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, e da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten entre os seus obxectivos dar a coñecer casos de éxito baseados no software libe, dar conta das últimas novidades e establecer un marco para o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións.
Os asistentes terán a oportunidade de coñecer experiencias, proxectos, avances, casos concretos, foros de discusión ... relacionados coas tecnoloxías do software libre pero tamén coa compoñente social e colaborativa do mesmo.
Programa definitivo da LSWC
Xa está dispoñible na web da Libre Software World Conference o programa definitivo para xoves 18 de outubro e o venres 19 de outubro. Ademais das xa coñecidas sesións plenarias impartidas por persoas de referencia e gran relevancia mundial o programa incorpora unha gran variedade de relatorios e mesas debate sobre temas e proxectos que abranguen diversos ámbitos e perspectivas das tecnoloxías libres distribuídas en tres liñas principais: Cidadanía, Empresas e Administracións Públicas.
Ademais como novidade inclúese o Espazo Comunidade, foro no que será posible coñecer o que fan e como é posible participar nas Comunidades de Desenvolvedores asociadas ás Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España. Aquí encontrarase aos dinamizadores e managers das comunidades como @firma, OpenDNIe, XBRL, PALS, Linex, Proyecto AMA de migración a Bases de Datos Libres, ...
Entre o listado de relatores de referencia do software libre a nivel internacional están o Bruce Perens, creador da definición de Open Source Definition e cofundador da Open Source Initiative (OSI); Chris DiBona, director de Open Source para Google, Mountain View; Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiro; Corinto Meffed, director de integración de sistemas no Ministério do Planejamento, Orçamento e Gestão; Fernando Botelho, Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía ou John Sullivan, director executivo da Free Software Foundation.