A Alameda de Santiago acolleu a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia da plataforma de contidos interactivos impulsada pola Xunta

Domingo 12 de Febreiro de 2023

A Alameda de Santiago acolleu a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia da plataforma de contidos interactivos impulsada pola Xunta

• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG impulsan conxuntamente o sector dos contidos audiovisuais no marco do Plan DicoMindset, cun investimento de máis de 13 millóns de euros
• A plataforma de contidos interactivos PetisGo! foi creada por unha UTE de empresas galegas de tecnoloxía e terá aplicacións educativas e en ámbitos como o turismo ou a cultura
• A ferramenta combina o uso de dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, realidade aumentada ou realidade virtual
• Os propios usuarios, así como profesores e profesionais do audiovisual poderán crear contidos interactivos, denominados “petiscos”, dun xeito sinxelo
• O Dragal Challenge permitiu interactuar en 10 lugares de importancia histórica de Galicia e consistiu nunha ‘busca do tesouro’ que rematou hoxe na Alameda de Santiago

A Alameda de Santiago de Compostela converteuse hoxe nun escenario no que se mesturou a realidade con escenarios virtuais para acoller a proba final do Dragal Challenge, primeira experiencia da plataforma de contidos interactivos impulsada pola Xunta de Galicia e a CRTVG.

Esta plataforma enmárcase no Plan DicoMindset que leva a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración con entidades públicas, como o Igape, a CRTVG ou Agadic; e privadas, como o Clúster TIC, o Clúster Audiovisual e empresas tractoras. Este plan implica un investimento de máis de 13 millóns de euros para o impulso do sector de contidos dixitais.

O universo Dragal, creado pola escritora galega Elena Gallego Abad, protagonizou esta primeira experiencia demostradora da plataforma de contidos interactivos PetisGo!, desenvolvida por unha UTE de empresas tecnolóxicas galegas.

A plataforma PetisGo!, desenvolvida nos últimos dous anos, ten aplicacións como a creación de contidos para a TV interactiva, a educación, o turismo ou a difusión cultural. Foi creada por Xurelos-Petiscos, unha unión temporal de empresas formada por Cinfo, Sixtema, Xoia, Ficción Producciones, R Cable e Telecable Comunicaciones.

PetisGo! forma parte dun convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG. Permite xerar e difundir contidos interactivos avanzados para ser desfrutados en distintos escenarios como na natureza ou en visitas a monumentos históricos, e a través de múltiples dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, realidade aumentada ou realidade virtual.

A plataforma facilita que os propios usuarios, nenos, adolescentes, profesores ou profesionais do audiovisual creen experiencias interactivas, chamadas “petiscos”, que combinen estas tecnoloxías de xeito sinxelo.

Dragal Challenge

A primeira experiencia, que hoxe rematou, tivo como obxectivo demostrar o correcto funcionamento e as funcionalidades da plataforma PetisGO! e basease no universo Dragal, ben coñecido pola xuventude galega e cuxos personaxes serviron para dar coherencia o xogo.

O xogo tivo como obxectivo amosar 10 lugares de importancia histórica de Galicia, que se converteu, durante o seu desenvolvemento, nun gran taboleiro de xogo.

Dez equipos participantes competiron por premios consistentes en dispositivos móbiles e tiveron a oportunidade de crear tesouros escondidos con pistas (ovos de dragón) para desafiar aos demais equipos. Os tesouros tiveron como argumento historias esquecidas de Galicia e contiñan obxectos de realidade aumentada creados en PetisGo!

Os participantes tiveron que seguir as pistas para atopar os ovos de dragón espallados por toda a xeografía nunha competición por equipos que culminou na final de hoxe.

O 'Dragal Challenge' púidose seguir en directo a través da Plataforma PetisGo! en móbiles Android e iOS ou a través da versión para navegador.

Con este proxecto, cofinanciado no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 “Unha maneira de facer Europa”, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG pretenden dinamizar o uso de novas canles e medios e a creación de contidos interactivos innovadores acordes ás novas tendencias de consumo no ámbito da formación non regrada para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos.