Ábrese un novo procedemento de inscrición a través do expediente electrónico no Servizo Galego de Saúde
O formulario estará dispoñible dende hoxe ata o 15 de xaneiro, data na que finaliza o prazo
No primeiro procedemento de inscrición a través deste novo sistema apuntáronse máis de 3.000 persoas
Desta forma evítanse os impresos en papel e se aforran máis de 40.000 euros
Hoxe ábrese un novo procedemento de inscrición en listas de diversas categorías de xestión e servizos a través do expediente electrónico do profesional, posto en marcha no mes de xullo deste ano e que ten xerado máis de 800.000 accesos.
As categorías para as que se inicia o prazo de solicitude son Celador, Persoal de Servizos Xerais (para centros de saúde) e Grupo Auxiliar da Función administrativa, nas que na anterior convocatoria presentáronse 6.659; 4.418 e 5.049 solicitudes respectivamente.
O prazo de inscrición comprende dende hoxe, 1 de decembro, ata o 15 de xaneiro de 2012, estando o acceso aberto a todo o persoal interesado que reúna os requisitos e tamén para promoción profesional de persoal fixo.
As solicitudes de inscrición en listas realizaranse nun formulario oficial a través do Fides/expediente-e no apartado de Procesos, que estará dispoñible dende hoxe na páxina web do Servizo galego de Saúde (http://www.sergas.es).
As persoas interesadas dispoñen de medios técnicos para inscribirse nos 29 puntos de atención nos centros de Xestión do Servizo Galego de Saúde.
Este proceso é o segundo que se executa a través do expediente electrónico do profesional. No primeiro, iniciado o pasado 2 de novembro, inscribíronse nel máis de 3.000 persoas.
Co novo sistema de inscrición, evítanse os impresos anteriores en papel e se aforran máis de 40.000 euros. Ademais, simplifícanse os procesos resultando accesibles, transparentes e de xestión inmediata.