Ábrese o primeiro procedemento de inscrición a través do expediente electrónico do profesional no Servizo Galego de Saúde

Martes 01 de Novembro de 2011

Ábrese o primeiro procedemento de inscrición a través do expediente electrónico do profesional no Servizo Galego de Saúde

O formulario estará accesible dende mañá, coincidindo co inicio do prazo para apuntarse ás listas

Simplifícase o proceso, xestionándose de maneira inmediata e gañándose en accesibilidade e transparencia

Con este novo sistema substitúese o anterior formulario en papel, acadándose só con esta medida un aforro de arredor de 40.000 euros

Mañá abrirase o primeiro procedemento de inscrición en prazos para a inscrición en listas de diversas categorías do Servizo Galego de Saúde que se leva a cabo a través do expediente electrónico do profesional, sistema posto en marcha o pasado mes de xullo e que ten xerado xa máis de 800.000 accesos.

Deste xeito, por primeira vez se facilita a inscrición electrónica nas listas de contratación, o que permitirá ademais axilizar a publicación das mesmas en tanto que a baremación será automatizada. O formulario estará accesible dende mañá, 2 de novembro, coincidindo co inicio do prazo previsto para apuntarse. Execútanse, desta maneira, as previsións do novo Pacto de selección temporal.

As categorías nas que se inicia o prazo de solicitude son as de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, en radioterapia, en hixiene bucodental, en imaxe para o diagnóstico clínico e en laboratorio de diagnóstico clínico.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de novembro de 2011. Cos aspirantes chegarán a elaborarse preto de 50 listas, correspondentes ás citadas categorías e áreas de xestión. O acceso está aberto para o persoal interesado que reúna os requisitos e tamén para promoción profesional do persoal fixo.

As solicitudes de inscrición en listas realizaranse nun formulario oficial a través do Fides/expediente-e no apartado de Procesos, que estará dispoñible na páxina web do Servizo galego de Saúde (http://www.sergas.es) dende mañá.

Co novo sistema de inscrición substitúese o anterior formulario en papel, acadándose só con esta medida un aforro de arredor de 40.000 euros. Ademais simplifícase o proceso, xestionándose de maneira inmediata e gañándose en accesibilidade e transparencia.

As persoas interesadas dispoñen, ademais, de medios técnicos para inscribirse nos 29 puntos de atención situados nos centros de xestión do Servizo Galego de Saúde.