Aberto o prazo para acollerse ás axudas para equipamentos de recepción da TDT vía satélite nos concellos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia

Martes 29 de Abril de 2014

Aberto o prazo para acollerse ás axudas para equipamentos de recepción da TDT vía satélite nos concellos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia

Máis de setecentas familias poden optar a estas axudas para as que a Xunta destinará 206.340 euros no exercicio 2014.

Poderán solicitar como máximo a subvención dun equipamento por vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado este servizo pola súa conta, estas poderán solicitar un segundo receptor na súa vivenda.

Está previsto que este plan se prorrogue ata o ano 2015, beneficiando a algo máis de 1.400 familias sen cobertura de TDT que viven nas zonas obxectivo do Plan de desenvolvemento rural sustentable de Galicia (PDRS), dos concellos do interior de Lugo e Ourense.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Administración Xeral do Estado, destinan máis de 206.340 euros no exercicio 2014 para subvencionar a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia, pertencentes, fundamentalmente, aos concellos do interior de Lugo e de Ourense. Está previsto que esta subvención beneficie, no presente exercicio, a máis de 700 familias. A axuda será tramitada directamente a través dos instaladores autorizados que colaboran coa Xunta de Galicia. A convocatoria de axudas sae publicada no día de hoxe no Diario Oficial de Galicia.

O servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) é un servizo que permite gozar de xeito gratuíto das canles de TDT nas vivendas onde non chega o sinal terrestre ou o sinal non ten a calidade axeitada para a correcta recepción. Serán subvencionables as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar un máximo dun equipamento por usuario e vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda.

Durante 2013 beneficiáronse deste plan algo máis de 300 familias. A Xunta prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, o que suporá un investimento total en todo o período de algo máis de 400.000 euros e beneficiará arredor de 1.400 familias de 78 concellos do interior de Lugo e de Ourense.

Zonas a revitalizar dentro do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia
Segundo recolle o texto da axuda, os beneficiarios desta subvención para os equipamentos de recepción de TDT por satélite serán familias con dirección nalgún dos concellos do interior de Lugo e Ourense sinalados no mapa adxunto, que non dispoñan de cobertura de televisión mediante as redes terrestres.

En concreto, son 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense os beneficiarios:

*Lugo Central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A) Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.

*Montaña Lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.

*Depresións Ourensás e Terras do Sil: Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

Este programa de axudas é posible grazas ao convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos Plans de Zona das súas áreas rurais que, por parte da Xunta de Galicia, coordina AGADER.

Nunha primeira fase seleccionáronse as entidades colaboradoras dentro das empresas autorizadas para realizar este tipo de instalacións, entidades que van ser as encargadas de tramitar as subvencións en nome dos posibles beneficiarios co fin de que resulte o máis sinxelo posible para o cidadán solicitar estas axudas. Agora, unha vez seleccionadas estas empresas, procedeuse á convocatoria das subvencións que se adxudicarán por orde de solicitude ata esgotar o crédito correspondente a cada anualidade.

Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que foron seleccionadas para este réxime de axudas. A relación de entidades colaboradoras pode atoparse no enderezo da internet http://medios.xunta.es na súa epígrafe axudas. Tamén pode consultarse telefonicamente no número 981544234, a través do enderezo electrónico xestion.sxm@xunta.es ou presencialmente nas dependencias da Secretaría Xeral de Medios-Edificio Administrativo San Caetano-Santiago de Compostela

Desde o apagamento da televisión analóxica instaláronse en Galicia unas 5.700 antenas para a recepción da TDT por satélite, sendo a Provincia de Lugo a que ten unha maior porcentaxe, co 38% das instalacións, seguida da Coruña, co 33% e de Ourense, co 20%. A provincia de Pontevedra ten un total de 487 instalacións de Sat-TDT, o que supón o 9% do total de Galicia. O ritmo de crecemento previsto acadaríanse as 10.000 instalacións de vivendas con TDT por satélite para o ano 2020, que representaría o 100% das vivendas galegas que poderían necesitar deste servizo. A cidadanía decide incorporar o servizo de TDT por satélite pouco a pouco, cando non atopa outra solución para os continuos cortes ou pixelacións que se producen por causas meteorolóxicas ou pola vexetación, xa que é o único sistema que garante a recepción do sinal da televisión dixital en todo o territorio da Comunidade Autónoma.