A Xunta xa cumpre nove de cada dez das medidas propostas para o Estado no Informe da Reforma das Administracións Públicas
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou no Parlamento o impacto na Xunta das medidas propostas no Informe ‘CORA’
A maioría das medidas presentadas son relativas á contratación e á reestruturación do sector público e xa están recollidas na Lei de racionalización galega
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, Natalia Prieto, destacou hoxe que o Goberno galego xa ten en marcha ou efectivizadas no seu ámbito o 90 por cento das propostas dirixidas á Administración Xeral do Estado no Informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas.
A directora xeral acudiu á Cámara Alta galega, para explicar o impacto no eido competencial da Xunta das medidas propostas no denominado Informe ‘CORA’. Na súa intervención, explicou que os dous ámbitos que concentran unha maior parte das medidas presentadas polo Estado son os relativos ás actuacións no ámbito da contratación pública e na reestruturación do sector público. Medidas que se recollen xa en Galicia coa recente entrada en vigor da Lei de racionalización do sector público autonómico e nas que xa se traballa.
Así, a través desta lei implantase como regra xeral o mecanismo da autoprovisión, potenciando a utilización de medios propios; ao tempo que se blinda a centralización e unificación dos contratos. Ademais, o texto segue avanzando no obxectivo de adelgazar a Administración paralela, impoñendo límites á creación de novos organismos públicos e xeneralizando técnicas de avaliación e o sometemento periódico a plans de racionalización.
Precisamente, Prieto lembrou que Galicia foi pioneira neste eido, cando en 2009 puxo en marcha un Plan de Racionalización da Administración Paralela. Este plan -que está na súa terceira fase de desenvolvemento- supuxo xa o aforro de máis de 40 millóns de euros e a eliminación de case 60 entes, datos que se incrementarán nos próximos días froito dunha actualización que se está preparando.
Así mesmo, desde 2010 está en vigor a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga); unha norma coa que se acadaron os obxectivos buscados agora polo Goberno: a clasificación e regulación dos distintos tipos de entes, o establecemento de controis económico-financeiros e a necesidade de homologar o sistema de creación dos novos organismos.
No eido da administración electrónica, o Estado comprometese a deseñar unha axencia centralizadora dos servizos TIC, o que en Galicia xa existe desde 2011 coa creación da AMTEGA, onde se centralizan os recursos tecnolóxicos da Administración autonómica. Ademais, a Xunta xa conta con normas que regulan o desenvolvemento da Administración electrónica en Galicia e a factura electrónica, propostas que tamén recolle o ‘CORA’.
A maiores, aprobouse un plan de simplificación lexislativa; centralizouse a xestión do parque móbil; centralizáronse os números de atención telefónica ao cidadán; aplicouse un Plan de racionalización do gasto en alugamentos e apostouse pola formación transversal e pola teleformación na Escola Galega de Administración Pública; entre outras medidas.
Por todo o exposto, Prieto asegurou que a Xunta leva anos “traballando na dirección correcta” -e en moitos casos de xeito pioneiro- cun obxectivo claro: acadar unha administración pública máis eficiente, sen duplicidades, con menor gasto e na procura dun mellor servizo aos cidadáns.