A Xunta unifica as webs de acceso ás consellerías para facilitar aos cidadáns a búsqueda de servizos e contidos
Todos os departamentos autonómicos teñen desde hoxe unha mesma portada de entrada aos seus portais desde a web corporativa www.xunta.es
Estas portadas inclúen o máis relevante da información de carácter institucional de cada consellería potenciando o concepto de portal temático como canle de referencia dos servizos de utilidade para a cidadanía
O obxectivo é acadar un maior grao de homoxeneidade entre os portais axilizando e simplificando o acceso aos contidos
A Xunta de Galicia vén de unificar a páxina de acceso ás diferentes consellerías desde o portalwww.xunta.es. Desde hoxe os cidadáns que desexen acceder á web de calquera dos departamentos autonómicos desde a web corporativa atoparán en todas unha mesa portada cunha estrutura que facilitará a navegación e o acceso aos contidos do seu interese.
Estas portadas inclúen o máis relevante da información de carácter institucional de cada consellería, potenciando o concepto de portal temático como canles de referencia dos servizos de utilidade para a cidadanía. Deste xeito acádase un maior homoxeneidade entre as webs, o que permitirá ao usuario localizar de xeito máis doado a información que procura.
Ademais, esta nova estrutura potencia o papel do portal corporativo www.xunta.es como referente web institucional da Xunta de Galicia e como porta principal de acceso na rede á información e servizos facilitados polos diferentes departamentos autonómicos.
Esta medida permitirá minimizar os posibles cambios organizativos, xa que se adapta á clasificación de contidos corporativa e as políticas web xa definidas pola Xunta de Galicia no Decreto que regula a presenza da Administración xeral e do sector público en Internet. Por outra banda, esta reorganización posibilitará unha adecuación máis rápida da información de calquera departamento ante posibles cambios estruturais.
Nova estrutura
As novas portadas das consellerías comparten a mesma estrutura e deseño en todas as súas páxinas, así como os mesmos elementos que se detallan na imaxe adxunta.
A terceira web corporativa máis accesible
Con esta reorganización dos portais a Xunta de Galicia avanza no cumprimento dos obxectivos do Decreto que regula a presenza da Admi¬nistración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, aprobado o pasado mes de outubro. A norma establece as medidas para impulsar o uso das redes sociais e para avanzar en aspectos clave da eAdministración como a reutilización da información, a transparencia e a accesibilidade.
Os cambios que se veñen realizando no portal corporativo desde hai dous anos converteron awww.xunta.es na terceira máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública. En menos dun ano, entre xuño do 2010 e outubro de 2011, a web da Xunta subiu dez postos nesta clasificación.