A Xunta traslada ás Universidades o seu compromiso coa investigación científica e solicítalles as súas necesidades para convocar novas prazas de investigadores
O secretario xeral de Universidades e o director xeral de I+D+I do Goberno galego reuníronse onte en Santiago cos vicerreitores de Investigación das tres Universidades
As Universidades remitiranlle á Xunta información concreta sobre as súas necesidades en materia de recursos humanos de investigación para habilitar un sistema de axudas públicas que responda á demanda real
A Xunta de Galicia e as tres Universidades galegas acordaron onte o método de traballo conxunto para que a convocatoria de novas axudas destinadas á consolidación da carreira científica responda ás necesidades reais do Sistema Galego de I+D+I. Os tres vicerreitores de Investigación das Universidades comprometéronse cos representantes do Goberno galego a remitirlles canto antes as súas demandas concretas en materia de investigadores e persoal de apoio para que a próxima convocatoria de novas prazas sexa o máis eficiente posible.
Na xuntanza de traballo estiveron presentes o director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla; e o secretario de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco González; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Asunción Longo; e a vicerreitora de Investigación da Universidade da Coruña, Concepción Herrero.
Durante a reunión, os representantes da Xunta reiteráronlles aos vicerreitores o compromiso do Goberno autonómico coa investigación científica no marco da situación económica e orzamentaria actual, coa prioridade de que as medidas de financiamento público de contratos respondan a necesidades reais. Por este motivo, Capilla solicitou aos responsables de Investigación das Universidades suxestións para engadir no novo Plan Galego de I+D+I, que entrará en vixencia en 2011 e que está en fase de elaboración, e pediulles as súas achegas para que a futura política de recursos humanos contemplada no proxecto siga criterios de máxima eficacia e aproveitamento do investimento público.
O encontro celebrouse en Santiago de Compostela a petición da Xunta de Galicia, no marco do seu compromiso por consensuar cos axentes do Sistema Galego de I+D+I as liñas de actuación que mellor respondan ás súas demandas, a criterios de eficiencia no gasto público e á obtención de resultados mediante un retorno do investimento óptimo.