A Xunta traballará co sector TIC galego para desenvolver prestacións sociosanitarias no fogar a través das novas tecnoloxías
Esta liña de actuación enmárcase no impulso ao Fogar Dixital, previsto na estratexia tecnolóxica da Administración autonómica, 2014.gal
O emprego das novas tecnoloxías no ámbito doméstico permitirá dotar aos fogares dos servizos máis avanzados para mellorar a calidade de vida dos cidadáns
No primeiro semestre do ano porase en marcha o Centro Demostrador TIC que permitirá ás empresas do ámbito tecnolóxico amosar ás pemes os produtos e servizos dirixidos a mellorar a súa produtividade
A Xunta destinará este ano 7,5 millóns euros ao impulso do sector TIC cun programa de axudas que facilitará o desenvolvemento de iniciativas de maior calado
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Sanidade traballarán conxuntamente co sector TIC galego para ofrecer servizos de atención sociosanitarios na casa a través das novas tecnoloxías. É unha das liñas de actuación previstas para o desenvolvemento do Fogar Dixital na Comunidade, que se recolle na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a folla de ruta da estratexia tecnolóxica da Administración autonómica.
Este foi un dos temas abordados hoxe pola responsable da Secretaria Xeral cos axentes TIC da Comunidade. Na xuntanza Mar Pereira trasladoulles aos representantes do sector o Plan de Acción 2011, no que se define o marco das axudas ao sector para este ano, a posta en marcha do Centro demostrador TIC e os programas para avanzar posibles solucións tecnolóxicas ámbito sociosanitario.
Iniciativas tecnolóxicas no eido sociosanitario
Unha das liñas de traballo que se están a abordar no ámbito tecnolóxico é a de adiantarse ás necesidades en sectores estratéxicos avanzando produtos ou servizos TIC que poderán ser demandados a medio prazo. A Administración autonómica determinou o sector sociosantario como o primeiro ámbito de actuación para este tipo de iniciativas. O primeiro paso foi a elaboración dun mapa de capacidades tecnolóxicas dos axentes galegos no ámbito sociosanitario, no que participaron 45 axentes TIC de diferentes grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas. O documento recolle un total de 145 iniciativas, tanto as realizadas como as que se están a desenvolver. O mapa, que se publicará este mes, confirma a capacidade do sector tecnolóxico galego para asumir este tipo de proxectos.
O seguinte paso será a identificación por parte da Xunta dos posibles iniciativas no eido sociosanitario para trasladarllos ao sector TIC. O primeiro proxecto definido é o impulso do Fogar Dixital, concretamente no que se refire a servizos asistenciais de pacientes crónicos, con posibles servizos como a monitorización dos parámetros do paciente, a xestión e seguimento da medicación ou a teleasistencia médica, entre outros.
O Fogar Dixital é o fogar dotado de servizos avanzados que melloran a calidade de vida dos cidadáns e que son posibles grazas á utilización das novas tecnoloxías. Esta gama de servizos van dende os relacionados co ámbito asistencial (teleasistencia, teleconsulta,…) ata os relacionados coa seguridade, a eficiencia enerxética ou as comunicacións e o ocio; e fan posible un novo concepto de habitabilidade e sostibilidade dentro do fogar.
Para impulsar o Fogar dixital realizaranse actividades de difusión e formación orientadas a cidadáns ou axentes da cadea como futuros instaladores ou integradores do fogar dixital, a través da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou o Centro Demostrador.
Centro Demostrador
A secretaria xeral de Modernización avanzoulles aos representantes do sector TIC que no primeiro semestre do ano comezará a funcionar o Centro Demostrador TIC, que permitirá ás empresas interesadas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación amosar ás pequenas e medianas empresas (pemes) os produtos e servizos dirixidos a mellorar a súa produtividade e competitividade.
Este espazo, que está ubicado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, servirá de punto de encontro entre a innovación tecnolóxica e as necesidades das pequenas e medianas empresas. Desde a Secretaría Xeral de Modernización estanse a recabar as achegas do sector antes da posta en marcha do Centro Demostrador para o que tamén está previsto a creación dunha ferramenta dispoñible a través da web na que se recolla dun xeito completo e categorizado os distintos provedores de servizos TIC en Galicia.
Axudas ao sector TIC
A convocatoria de Axudas de 2011 terá un importe de 7,5 millóns de euros distribuídos en catro liñas, as de fomento da empresa dixital; as destinadas ao sector empresarial da sociedade da información; as actuacións de difusión relacionadas coa sociedade da información; e as orientadas á produción e publicación de contidos dixitais. O programa de axudas deste ano definiuse coas as achegas realizadas polo sector ao que se lle solicitou a súa colaboración para adecuar as liñas de financiamento ás súas necesidades.
Así, segundo explicou a secretaria xeral, esta convocatoria incorpora novidades con respecto a anterior como a posibilidade de que os interesados nas axudas ao fomento da empresa dixital poida solicitar un anticipo do 40% do importe total. Para esta mesma liña de axudas tamén se establece un financiamento plurianual co que o prazo para rematar os proxectos se amplía ata o verán de 2012. Esta medida permitirá que se poidan desenvolver proxectos de maior calado. Ademais, adiantouse o proceso de definición das axudas para publicalas a finais de febreiro e ao longo do mes de marzo.