A Xunta segue ca aposta por reforzar o uso das novas tecnoloxías nos órganos xudiciais

Mércores 11 de Maio de 2011

A Xunta segue ca aposta por reforzar o uso das novas tecnoloxías nos órganos xudiciais

Co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses incorporadas á Administración de xustiza, incrementarase a efectividade e eficiencia

Dende o goberno galego estase a realizar un importante esforzo económico sen precedentes para achegar as novas tecnoloxías aos órganos xudiciais

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín destacou a aposta do goberno galego por reforzar o uso das novas tecnoloxías nos órganos xudiciais, xa que o contexto xurídico, económico e social no que vivimos fai prioritario lograr un desenvolvemento efectivo da Sociedade da Información.

Segundo palabras do director xeral de Xustiza na apertura do seminario “Informática xudicial, peritaxe técnico e proba electrónica”, e así acadarase unha xustiza acorde coa nova realidade tecnolóxica. Polo que, resaltou Juan José Martín, dende o goberno galego estase a realizar un importante esforzo económico sen precedentes para achegar as novas tecnoloxías aos órganos xudiciais.

Martín resaltou a importancia das novas tecnoloxías na Administración de Xustiza, xa que a incorporación destas tecnoloxías ao proceso xudicial reportará importantes beneficios na instrución e axuizamento dos delitos, polo que é importante por exemplo contar coa axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas e as claves de valoración deste tipo de proba.

A modernización no ámbito da xustiza é fundamental e está directamente ligada coa posta en marcha de determinados servizos, e a posta en marcha de diversas actuacións como son a implantación dos novos sistemas de gravación de vistas con sinatura electrónica, videoconferencias e o sistema LEXNET para lograr as comunicacións xudiciais telemáticas.

Dende a Xunta, estase a traballar na procura dunha Administración máis áxil, da necesaria seguridade xurídica, e coma resaltou o director xeral, é necesario contar con foros de intercambio de coñecementos como o que hoxe se apertura, para poder facer entre todos achegas, intercambios de realidades e experiencias en canto á relación da informática co seu contorno, e que serva de punto de encontro para fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial, os maxistrados, xuíces, avogados e peritos.

O director xeral resaltou tamén na súa intervención que na loita contra a delincuencia informática, os xuíces precisan contar con peritos expertos na materia que lles sirvan de axuda á hora de tomar decisións, coñecer as últimas técnicas probatorios e o valor das mesmas, e ademais manter un elevado nivel de instrución e coñecementos sobre os avances técnicos e legais que se produzan.