A Xunta salienta en Ferrol o papel do ensino no impulso ao emprendemento nos máis novos

Venres 08 de Maio de 2015

A Xunta salienta en Ferrol o papel do ensino no impulso ao emprendemento nos máis novos

O director do Igape, Javier Aguilera participou na gala de entrega dos premios Ferrolterra Emprende, organizados por AJE en colaboración co Concello.

Participaron no certame máis dun cento de alumnos de dez centros de ensino secundario que presentaron 48 ideas de negocio entre as que destacaron as relacionadas coas TIC ou cos servizos sociais.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou esta tarde o papel do ensino secundario no impulso ao emprendemento como unha opción de futuro para os mozos e mozas ferroláns, durante a súa participación na entrega dos premios Ferrolterra Emprende.

Na terceira edición do certame Ferrolterra Emprende Xove, organizado por AJE Ferrolterra en colaboración co Concello de Ferrol, participaron máis dun cento de alumnos de dez centros de ensino secundario que presentaron 48 proxectos ou ideas de negocio entre as que destacaron os relacionadas coas tecnoloxías da información e as comunicacións ou cos servizos sociais.

O certame Ferrolterra Emprende ten como obxectivo promover entre o colectivo dos estudantes da comarca a idea de que o emprendemento constitúe una interesante opción de futuro laboral para os máis novos.

Tal e como lembrou Aguilera na súa intervención, ao abeiro da Lei de Emprendemento e da Competitividade, ponse a disposición dos emprendedores un amplo abano de servizos e instrumentos para acompañalos desde a maduración das súas ideas ata facilitar a posta en marcha de novos negocios e a súa consolidación.

O director xeral do Igape lembrou que, no ámbito da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, a Xunta prevé conceder especial atención ao impulso do emprendemento industrial, que en Ferrolterra está chamado a ter especial relevancia.