A Xunta salienta a cohesión de equipos directivos como clave para impulsar o crecemento e a competitividade empresarial

Venres 05 de Maio de 2017

A Xunta salienta a cohesión de equipos directivos como clave para impulsar o crecemento e a competitividade empresarial

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca que as empresas deben combinar a incorporación de novos sistemas e procesos técnicos coa mellora das capacidades do capital humano para consolidarse e medrar
Subliña a importancia da Axenda Galicia Industria 4.0, que facilitará o investimento de 175 millóns de euros nos próximos dous anos, como a pedra angular do crecemento competitivo do tecido empresarial galego
Indica que a Xunta tamén está a impulsar o crecemento e a competitividade das empresas mediante programas como ReAcciona e ReAcciona TIC, que facilitan a formación e a cohesión dos equipos directivos

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe a creación e axeitada cohesión de equipos directivos como unha das claves para impulsar o crecemento e a competitividade das empresas. Durante a súa intervención nunha xornada técnica organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) -que abordou o tamaño e outros factores críticos do éxito empresarial- destacou tamén que as empresas deben combinar a incorporación de novos sistemas técnicos coa mellora das capacidades do capital humano para consolidarse e medrar.

O director do Igape subliñou que, para facilitar a modernización do tecido produtivo, a Xunta está a apoiar o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, que impulsará o investimento de 175 millóns de euros nos próximos dous anos, logo de chegar a máis de 4.200 empresas co primeiro plan bienal.

Cividanes destacou igualmente que a Xunta está a apostar polo crecemento, a dixitalización e a competitividade das empresas mediante programas como ReAcciona e ReAcciona TIC, que facilitan, entre outros aspectos, a formación e a cohesión dos equipos directivos. Estes programas xa permitiron a implantación de máis de 1.500 servizos avanzados en máis de 800 empresas.

O director do Igape destacou a importancia de xornadas técnicas especializadas, como a organizada pola APD, para avanzar na modernización do tecido produtivo, así como a mostra de exemplos de éxito para acelerar os procesos de mellora competitiva das empresas galegas.

No encontro desenvolvido hoxe houbo relatorios sobre as perspectivas de crecemento nun mundo incerto, a visión das empresas arredor da competitividade, como poden enfrontar as Pemes as contornas cambiantes e sobre as claves para gañar competitividade empresarial tendo en conta factores críticos como o tamaño. Tamén se mostraron como casos de éxito dos grupos empresariais, Babé y Cía e Grupo Aresa.