A Xunta salienta a capacitación dos equipos directivos como clave para que as empresas poidan avanzar en ciberseguridade

Xoves 21 de Abril de 2016

A Xunta salienta a capacitación dos equipos directivos como clave para que as empresas poidan avanzar en ciberseguridade

O director do Igape, Javier Aguilera, participa na apertura dunha xornada organizada conxuntamente coa Asociación para o Progreso da Dirección no marco do programa Capacita.
Subliña a activación de medidas tanto nos eidos da mellora tecnolóxica baseada nas TIC como nos de formación cualificada, asesoramento e financiamento para avanzar na implantación da fábrica intelixente en Galicia.

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na apertura da xornada técnica sobre ciberseguridade que se celebra hoxe en Santiago, onde salientou a capacitación de técnicos e directivos como un aspecto clave para que as empresas poidan previr ou minimizar os riscos de ciberataques. O acto organizouse conxuntamente coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD).

Logo de recoñecer que as novas tecnoloxías teñen asociados novos riscos empresariais pero achegan tamén as ferramentas axeitadas para facerlles fronte, Aguilera sinalou que as administración públicas tomaron conciencia do desafío mediante plans como a Estrategia de Ciberseguridad Nacional, do ano 2013, que enfoca cara ás empresas un dos seus obxectivos específicos para impulsar a seguridade dos sistemas de información e telecomunicacións usados polo sector empresarial en xeral, e que pon o acento en aspectos como a necesidade da colaboración pública e privada neste ámbito.

O director do Igape tamén lembrou durante o acto que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a incidir neste sector mediante a formación especializada achegada a través do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e, agora, mediante o programa Capacita e a xornada celebrada hoxe en Santiago. Aguilera engadiu que apostar pola ciberseguridade desde as empresas é imprescindible para garantir a súa competitividade, ao tempo que recoñeceu que os clusters tamén están a actuar neste eido.

Na súa intervención, o director do Igape salientou igualmente que a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 ten como obxectivo fundamental facilitar á modernización e reinvención do tecido produtivo galego mediante un decidido impulso ás fábricas intelixentes. Neste sentido, subliñou que a ciberseguridade, reforzada mediante a formación especializada a directivos e técnicos, ten que constituír un desafío irrenunciable.

Sobre o asesoramento e apoio ás compañías galegas, o director do Igape destacou o traballo que está a desenvolver a Xunta para amosarlles ás empresas onde están os seus ámbitos de mellora, un esforzo que se vai focalizar mediante iniciativas como o programa ReAcciona TIC, que asistirá ás compañías para impulsar a súa transformación cara a fábrica intelixente, minimizando riscos e sacando o maior partido das fortalezas.

A xornada sobre a ciberseguridade nas empresas que se desenvolveu hoxe en Santiago inclúe relatorios sobre a seguridade da información na estratexia, sobre a xestión de novas ameazas, sobre oportunidades e riscos da xestión masiva de datos (Big Data), sobre a tecnoloxía como facilitador da xestión corporativa de riscos ou sobre o novo regulamento Europeo de Protección de Datos. Entre os relatores participaron directivos de empresas como Emetel, Microsoft España, Grupo Barrabés, BVC Artai, Elecnor ou Grupo El Corte Inglés. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer casos reais de ciberataques a empresas.