A Xunta reúnese coas principais institucións implicadas na construcción da Memoria Dixital de Galicia
O conselleiro de Cultura e Educación e a directora da Amtega abordaron cos representantes de 16 entidades do ámbito da cultura, a educación, as ciencias e o audiovisual as liñas xerais da iniciativa
Nos vindeiros meses a Xunta abrirá unha convocatoria de axudas para a dixitalización de fondos das institucións implicadas por un importe de 800.000 euros
En outubro entrará en funcionamento o Arquivo Electrónico Patrimonial cuxos fondos estarán accesibles a través dun portal web
O Goberno galego aprobou o pasado 7 de xullo a estratexia para a dixitalización do patrimonio material e inmaterial galego, que se albergará no CPDI do Gaiás, asegurando a súa conservación, a súa difusión e a súa accesibilidade desde calquera lugar do mundo
A Cidade da Cultura, na que se aloxará e custodiará a Memoria Dixital de Galicia, acolleu onte a primeira reunión de arranque desta estratexia, aprobada polo Goberno galego o pasado 7 de xullo. O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, abordaron cos representantes de 16 entidades galegas as liñas xerais do proxecto e as primeiras medidas que se porán en marcha.
A construción da Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura e a Amtega, en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das Institucións da Memoria.
Nesta primeira xuntanza participaron representantes do Parlamento de Galicia; da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); das catro Deputacións provinciais; das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo; da Real Academia Galega; da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; do Museo do Pobo Galego; da Compañía da Radio Televisión de Galicia e da Televisión Española en Galicia.
Principais fitos de arranque
A Memoria Dixital é un proxecto complexo, que se estenderá no medio e longo prazo e que se sustenta sobre iniciativas xa en marcha, como adiantaron os representantes da Administración autonómica aos participantes no encontro.
Así a Xunta abrirá a finais de ano unha convocatoria de axudas por un importe de 800.000 euros para a dixitalización de fondos destinada a todas as entidades implicadas na conservación de fondos culturais.
No mes de outubro verá a luz outra das iniciativas sobre chave da Memoria Dixital, a entrada en funcionamento do Arquivo Electrónico Patrimonial a cuxos fondos dixitalizados se poderá acceder desde un portal web.
Nesas datas está prevista a publicación do portal de toponimia, que xeorreferenciará toda a toponimia e microtoponimia de Galicia.
A iniciativa GALICIANA, a biblioteca dixital de Galicia que conta xa con máis de 1,7 millóns de páxinas e 175.000 obxectos dixitalizados procedentes de arquivos, museos, bibliotecas e outras coleccións e que será tamén a canle de difusión do noso patrimonio cara as redes transnacionais como EUROPEANA.
Innovación Tecnolóxica
Unha das primeiras liñas de actuación contempladas na Memoria Dixital é a definición dun marco técnico común para todos os axentes e institucións involucrados na conservación do patrimonio, coa normativa, directrices, criterios e estándares para a dixitalización e preservación dos elementos patrimoniais.
O proxecto implica aplicar a innovación tecnolóxica actual e futura a todo o ciclo de vida da preservación do patrimonio e da xestión da actividade cultural. Así, o uso de sistemas de información xeográfica para para xeorreferenciar os elementos do patrimonio cultural material e inmaterial, o emprego de técnicas de dixitalización en 2D e 3D, de solucións en mobilidade e a realidade aumentada e do Big Data e Linked Open Data serán esenciais no novo modelo de xestión do legado cultural de Galicia.
Orzamento
A Memoria Dixital de Galicia conta cun orzamento público de 9,1 millóns de euros, dos cales 5 millóns proceden da cuarta liña estratéxica da Axenda Dixital de Galicia 2020, para impulsar a accesibilidade dixital do patrimonio cultural. Os 4,1 millóns restantes proveñen dunha candidatura conxunta da Xunta e 15 socios ao Programa Operativo Interreg para avanzar cara unha memoria dixital transfroteiriza Galicia-Norte de Portugal, aliñada coa Memoria Dixital de Galicia.
Para contribuír á universalización do patrimonio cultural de Galicia a Memoria aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural e impulsará un modelo de participación que facilite a cidadáns, empresas e institucións achegar recursos á iniciativa.