A Xunta renovou o 85 por cento dos ordenadores con máis de cinco anos de antigüidade nos xulgados galegos

Luns 06 de Febreiro de 2012

A Xunta renovou o 85 por cento dos ordenadores con máis de cinco anos de antigüidade nos xulgados galegos

Alfonso Rueda e Carlos Varela presidiron a Comisión mixta entre Xunta e Fiscalía, na que analizaron o grao de execución do Plan de Infraestruturas Xudiciais e do Plan Senda de modernización da Xustiza

Neste primeiro trimestre de ano está prevista a actualización de 500 postos de sobremesa e 500 equipos portátiles

No ano 2011 implantáronse 22 novos servizos de videoconferencia e completouse a implantación de sistemas de videoconferencias persoais

O conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe o investimento que está a levar a cabo o Goberno galego na implantación das novas tecnoloxías e na modernización da Administración da Xustiza e, nese sentido, sinalou que a porcentaxe de equipos informáticos cunha antigüidade superior a cinco anos é a día de hoxe de tan só o 15 por cento do total, mentres que en 2009 era do 63 por cento.

Así o explicou Alfonso Rueda tras a reunión da Comisión Mixta entre Xunta e Fiscalía Superior de Galicia, que presidiu xunto ao fiscal superior de Galicia, Carlos Varela. O titular de Presidencia fixo fincapé en que, no marco do Plan Senda, levouse a cabo esa renovación de equipamento informático. Así, de xeito conxunto con todos os órganos xudiciais, renováronse todos ordenadores anteriores ao ano 2005 nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo e estase a completar coa renovación destes equipos en Pontevedra, e Ourense.

Ademais, neste primeiro trimestre de 2012 está prevista a actualización de 500 postos de sobremesa e 500 equipos portátiles, segundo se encargou de explicar no seno da reunión a secretaria xeral de Modernización da Xunta de Galicia, Mar Pereira, quen presentou un informe dos avances logrados ao abeiro do Plan Senda 2014 nas actuacións referidas ao ámbito específico das fiscalías.

Servizos de videoconferencia

Durante o ano pasado implantáronse 22 novos servizos de videoconferencia, que tamén dan cobertura á Fiscalía de Galicia, ás catro Fiscalías provinciais, ás tres Fiscalías de Área e ás catro Seccións Territoriais. Ademais, completouse a implantación de sistemas de videoconferencias persoais para a súa utilización por parte dos fiscais.

Tamén se avanzou na posta a disposición dos fiscais de mecanismos para facilitar o traballo en mobilidade. Así, día de hoxe xa hai activados e en uso case medio cento de dispositivos de conexión 3G, que permiten acceder a recursos dispoñibles dende a rede interna da Xunta.

Outras liñas de traballo no ámbito das fiscalías para este ano centraranse na integración dos sistemas de información Fortuny e Minerva e a consolidación dun novo modelo formativo de aprendizaxe continua adaptada ao perfil de usuario e o nivel de coñecemento adquirido.

Infraestruturas xudiciais

Ademais do Plan Senda, outro dos asuntos abordados hoxe na reunión entre Xunta e Fiscalía foi o grao de execución do Plan de Infraestruturas Xudiciais. Así, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, fixo balanzo das grandes liñas de actuación da Consellería, que pasan por importantes investimentos para dotar dos espazos xudiciais precisos ás cidades de Coruña, Santiago, Ourense, Vigo ou Pontevedra, entre outras.

O conselleiro de Presidencia explicou o grao de execución de cada unha destas actuacións e destacou que antes de acometer os proxectos a Xunta está a consultar cos que serán os principais usuarios das instalacións, os traballadores da Administración de Xustiza –xuíces, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, procuradores e funcionarios-, para coñecer as súas suxestións e incorporar as súas propostas de mellora.