A Xunta renova o servizo de telecomunicacións do Sergas, que garante unha rede máis completa e moderna nos centros sanitarios cun aforro de case un 20 por cento

Xoves 19 de Setembro de 2013

A Xunta renova o servizo de telecomunicacións do Sergas, que garante unha rede máis completa e moderna nos centros sanitarios cun aforro de case un 20 por cento

O presidente da Xunta concreta que o novo contrato introduce como melloras: a tarifa plana de voz e datos en telefonía móbil e fixa; a substitución das centraliñas analóxicas por tecnoloxía IP; acceso a banda larga en todos os centros sanitarios e aumento do caudal de 100 Megas a 1 Giga en todos os hospitais comarcais

Avanza que se integrará na rede telefónica do Sergas máis de 100 centros de saúde instalados en locais dos concellos, evitándolles así os custos do servizo

Destaca que a renovación inclúe a dotación das liñas troncais de alta capacidade e o equipamento de transmisión e de rede troncal necesarios para a posta en funcionamento do novo Hospital Público de Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras o Consello, a renovación do servizo de rede de telecomunicacións do Sergas, que garantirá unha rede máis completa e moderna nos centros sanitarios pese a que supón un aforro de case un 20 por cento. Trátase, segundo explicou, da licitación de “todo o servizo telefónico de xestión administrativa e de monitorización das redes informáticas do Sergas, as 24 horas e os 365 días ao ano, en todos os servizos sanitarios propiedade ou titularidade do Servizo Galego de Saúde”, unha renovación que se realiza “cun dobre obxectivo: mellorar o servizo e mellorar o custo”.

Nun primeiro momento, Feijóo destacou que o Servizo Galego de Saúde obterá importantes melloras a nivel de dispoñibilidade, capacidade e evolución da rede a través de aspectos como: tarifa plana de voz e datos en telefonía fixa e móbil; cambio de todas as centraliñas analóxicas existentes por tecnoloxía IP; acceso a banda larga da totalidade dos centros sanitarios e o aumento do caudal de 100 Megas a 1 Giga en todos os hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, establécese que en máis de 25 sedes con caudal inferior a 200 Megas aumentarase a 1 Giga e en máis de 90 sedes que actualmente dispoñen dun caudal inferior ou igual a 50 Megas aumentarase a 100 Megas.

Este contrato integrará, ademais, na rede de telefonía do Sergas os máis de 100 centros de saúde situados en locais dos concellos, evitando así os custos que este servizo de voz lles implica. E, tamén, se acadou como mellora a dotación das liñas troncais de alta capacidade e o equipamento de transmisión e de rede troncal necesarios para a posta en funcionamento do novo Hospital Público de Vigo.

No tocante ao custo, o responsable do Goberno galego incidiu en que este contrato conta cun investimento de 28 millóns de euros para os tres próximos anos, o que permite acadar un aforro do 20%, 5 millóns de euros, “ademais de supoñer que no novo hospital público de Vigo o Sergas non gastará un euro en dotalo de todas as liñas de telefonía de voz e de datos”.

En resumo, Feijóo sinalou que con esta medida “reiteramos que seguimos pensando que se pode e se debe seguir diminuíndo os custos innecesarios das administracións para poñelos á disposición dos servizos públicos”.