A Xunta renegocia o contrato cos operadores R e Telefónica para establecer un plan de mellora das telecomunicacións da Administración Autonómica
Co mesmo importe que o contrato anterior, 34 millóns de euros, conséguense os investimentos para mellorar a rede de telecomunicacións que dá servizo aos 3.000 centos da Administración pública
Crearase, sen gasto adicional, un dobre anel de fibra óptica entre o Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás e os CPD de apoio de San Caetano e Conxo
Esta infraestrutura conta coa tecnoloxía máis punteira que permite as maiores velocidades e facilitará a disposición dun adecuado sistema de apoio ante posibles incidencias
Refórzanse as liñas de datos en xulgados e centros educativos e integraranse na rede corporativa aqueles que non estaban incorporados
Trátase de melloras fundamentais para garantir o funcionamento dos servizos públicos dixitais da Administración autonómica
Para desenvolver estas actuacións R realizará un investimento de 3,5 millóns de euros equivalente ao 18% do que está a facturar actualmente á Administración autonómica
Telefónica investirá 900.000 euros, o que supón o 21% da súa facturación actual á Xunta
A Xunta de Galicia vai implantar un plan de mellora das comunicacións da súa Rede Corporativa tras renovar e renegociar cos operadores R e Telefónica os contratos dos servizos de telecomunicacións que están a prestar ambas as empresas á Administración autonómica. A prórroga dos contratos con ambos os operadores, por un período de tres anos, ten o mesmo orzamento que o contrato anterior de 34 millóns de euros pero incorpora uns investimentos de case 4 millóns de euros para mellorar a dispoñibilidade e seguridade da rede de telecomunicacións que dá servizo aos 3.000 centros da Administración pública.
Segundo o documento de modificación de prórroga, aprobado hoxe no Consello da Xunta, ambos os operadores incorporan importantes vantaxes económicas e técnicas nos servizos ofertados e un paquete de melloras fundamentais para garantir o funcionamento dos servizos públicos dixitais da Administración autonómica, reforzando áreas como a xustiza e a educación.
Para realizar estas actuacións os operadores realizarán uns investimentos de máis de 3,5 millóns de euros no caso de R Cable, e máis de 900.000 euros no caso de Telefónica. Estas cifras supoñen unha porcentaxe do 18% do que está a facturar actualmente R á Administración autonómica e do 21% no caso de Telefónica.
Dobre anel de fibra óptica
Entre as medidas que se desenvolverán sen custo engadido para a Administración autonómica, está a creación dun dobre anel de fibra óptica entre o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), que se está a construír na Cidade da Cultura, e os CPD de San Caetano e Conxo, que actuarán de centros de apoio do CPDI. Deste xeito, a Administración autonómica contará cunha infraestrutura punteira para garantir a continuidade dos servizos ante posibles incidencias no CPDI. Outra das actuacións que se acometerán sen gasto adicional será o traslado de todos os servizos de telecomunicacións do actual CPD de San Caetano ao novo CPDI do Gaiás.
Cabe subliñar tanto as vantaxes derivadas polo traslado sen incremento de custo da infraestrutura de telecomunicacións á Cidade da Cultura, como ás acadadas na concentración de servizos fundamentais posibilitarán o aproveitamento mais eficiente dos recursos tecnolóxicos. Deste xeito o CPDI será a peza tecnolóxica de referencia no ámbito das relacións electrónicas entre os cidadáns e a Administración autonómica.
O Centro de Proceso de Datos Integral dará servizo a preto de 2,8 millóns de cidadáns; máis de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a 91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou universidades.
Melloras en Educación e Xustiza
Outras melloras importantes no marco da renovación do contrato do servizo de comunicacións é a creación de liñas de apoio de datos en 21 xulgados e en 50 centros integrados no Proxecto Abalar. Ademais, integraranse na rede corporativa 125 centros educativos públicos así como 15 xulgados que non estaban incorporados.
Ademais, ampliarase o largo de banda de todas as liñas de cable, que pasarán de 12Mbps de baixada a 15Mbps e integraranse na rede corporativa a telefonía de todos os xulgados que non estaban integrados.