A Xunta remata a elaboración do Plan para a modernización tecnolóxica do sistema galego de servizos sociais
A integración das TIC no sistema mellorará a xestión e facilitará o labor dos preto de 30.000 profesionais deste área na Comunidade
Reducirá custes administrativos e prazos de tramitación e permitirá compartir información e recursos entre todas as administracións
Posibilitará a coordinación entre o sistema de servizos sociais e o sanitario para avanzar na implantación efectiva da historia social única dos usuarios
O Plan elaborouse de xeito coordinado entre a Amtega, a Consellería de Traballo e e Benestar e o Sergas e en colaboración coas Direccións Xerais de Administración Local, Xustiza e a Secretaría Xeral de Igualdade
A Xunta porá en marcha un Plan para a Modernización Tecnolóxica do Sistema Galego de servizos Sociais, un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos.
Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais búscase garantir á sostibilidade do sistema, mellorando a capacidade e calidade de atención, reducindo custes administrativos e optimizando os recursos existentes. E todo isto priorizando a coordinación sociosanitaria para conseguir unha maior eficiencia do sistema e conseguir dar maior cobertura á demanda que está en aumento.
O Comité de Dirección do proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar en estreita colaboración co Servizo Galego de Saúde, aprobou esta mañá o documento definitivo do Plan para ser remitido ao Consello da Xunta.
Integración dos sistemas de información
Unha das claves do Plan é acadar un sistema integrado con toda a información relevante dos usuarios e coa carteira de servizos global, dispoñible para todos os axentes e procesos implicados. Isto facilitará a implantación efectiva da historia social única dos usuarios que nun futuro poderá integrarse coa historia clínica e simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.
A nivel asistencial o Plan contribuirá a incrementar o número de persoas atendidas, favorecerá o autocoidado preventivo no fogar mediante servizos de teleasistencia avanzada e facilitará a disposición de información para predicir necesidades e poder desenvolver políticas de prevención.
Para conseguir estes obxectivos, o plan implica a colaboración de todo o sector, desde as Administracións, aos centros de atención, profesionais colectivos na atención social para unha mellor xestión das prestacións sociais axilizando os tempos de resposta e optimizando os recursos das diferentes administracións.
Impulso do tecido empresarial e do sector TIC
As medidas establecidas no plan contribuirán ao desenvolvemento dun novo sector empresarial e profesional de notable impacto produtivo e de xeración de emprego, no que Galicia pode ser un referente nacional e internacional.
Ademais, suporá un forte impulso ao sector TIC galego que poderá desenvolver proxectos innovadores no eido sociosanitario ao abeiro do Plan.