A Xunta reducirá a preto da metade o pago de licenzas a Microsoft

Martes 19 de Febreiro de 2013

A Xunta reducirá a preto da metade o pago de licenzas a Microsoft

A Administración autonómica abonará 1,9 millóns de euros anuais por tres anos fronte aos 3,5 que pagaba en 2010

O novo contrato non renova as licenzas nos postos de usuario agás nas áreas sanitarias e tributarias pola especificidade do software empregado

Esta medida forma parte da estratexia tecnolóxica do Goberno galego en canto á xestión do software, reducindo o pago en licenzas de software propietario e apostando polo software libre cando sexa a solución máis competitiva

A Axencia para a Modernización realizará este ano un estudo sobre o impacto da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre nos ordenadores dos empregados públicos

A Xunta de Galicia reducirá nun 45% o custo das licenzas de Microsoft para toda a Administración autonómica. Fronte aos 10,5 millóns de euros que pagaba o Goberno anterior por tres anos de licenzas a Xunta abonará a partir deste ano un importe máximo de 5,8 millóns de euros polo mesmo período de tempo. Así se recolle no anuncio previo á contratación destas licenzas, que se realizará mediante concurso público.

É segunda vez que o actual Goberno galego reduce o gasto en licenzas de Microsoft seguindo a liña iniciada en 2010, cando se reformulou a situación contractual herdada con esta empresa unificando todos os contratos das consellerías e organismos dependentes nun único contrato por 4,6 millóns de euros por tres anos. Un importe menor ao actual, xa que os departamentos autonómicos se incorporaban ao novo contrato a medida que vencían os contratos anteriores.

Nese momento conseguiuse que o promedio anual de pagos a Microsoft pasase de 3,5 millóns a 2,2 millóns, aforrando un 37%. Agora a Xunta reduce de novo este importe a 1,9 millóns de euros por ano incrementando a porcentaxe de aforro ao 45%.

Ademais, o novo contrato non renova as licencias de software para os postos de usuario agás no Servizo Galego de Saúde e na área tributaria polas necesidades específicas do software que empregan. As licenzas que se renovan son para sistemas que soportan múltiples aplicacións que dan servizo a toda a cidadanía.

Esta medida forma parte da estratexia tecnolóxica do Goberno galego en canto á xestión do software, reducindo o pago en licenzas de software propietario e apostando polo software libre cando sexa a solución máis competitiva.

Estudo sobre a migración a Software Libre
A Administración elaborará este ano un estudio que analizará o impacto, as necesidades formativas e a viabilidade da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre en todos os ordenadores dos empregados públicos da Xunta.

Este estudo é o paso previo necesario antes de poder elaborar un plan de migración e un avance no camiño iniciado en 2010 ao instalar en todos os novos ordenadores ferramentas ofimáticas de software libre en convivencia co software propietario.

A día de hoxe o 94% dos ordenadores da Administración dispoñen de software libre e esta porcentaxe duplicouse desde a posta en marcha do Plan de Software Libre da Xunta, xa que no 2009 só o 46% do PCs dispoñían de software libre.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentará no primeiro trimestre do ano a edición 2013 Plan de Software Libre, o primeiro co que conta a Administración galega e que se puxo en marcha hai tres anos en colaboración cos axentes do sector. Cada ano o Plan establece un conxunto de actuacións dirixidas a impulsar o uso do software libre e código de fontes abertas (Floss) no sector empresarial, na sociedade en xeral e na Administración.

Ademais, a Administración autonómica está a empregar o software libre en iniciativas estratéxicas no ámbito da Administración electrónica, e en proxectos tecnolóxicos de envergadura como Abalar ou a Rede de Aulas CeMIt para a formación dixital de cidadáns e empresas. Grazas a Abalar, desde o pasado mes de setembro 44.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola. E os 21.000 usuarios da rede CeMIT se forman en novas tecnoloxías con equipamento dotado de software libre.