A Xunta recoñeceu no que vai de lexislatura máis de 43.000 prestacións a dependentes, un 310% máis que o goberno anterior

Luns 26 de Marzo de 2012

A Xunta recoñeceu no que vai de lexislatura máis de 43.000 prestacións a dependentes, un 310% máis que o goberno anterior

O Valedor do Pobo destaca o esforzo do Goberno galego por conceder servizos fronte a prestacións económicos, tal e como establece como prioridade a propia Lei de dependencia

O 59,3% das prestacións actuais son servizos ou prestacións económicas vinculadas a servizos, o que pon de manifesto a aposta clara da Xunta polo cumprimento da norma e pola garantía dos coidados fronte aos datos estatísticos

A espera media cirúrxica nos hospitais da rede do Sergas sitúase na actualidade en 64,6 días, o que supón o mellor dato desde o ano 2003

Galicia adiantouse ao resto de España en garantir a asistencia sanitaria a desempregados sen prestación, regulándoa o pasado mes de setembro

O Goberno galego está a reforzar o sistema educativo pese a crise e iso reflíctese na diminución da taxa de abandono escolar que baixou un 2,9% recuperando os niveis de 2004

As queixas sobre política lingüística presentadas ante o Valedor do Pobo baixaron un 27% o que demostra que o decreto do plurilingüismo veu dar resposta ás demandas de equilibrio lingüístico da cidadanía galega

A Xunta recoñeceu no que vai de lexislatura 43.607 prestacións a dependentes, un 311,48% máis que o goberno anterior. O número de dependentes atendidos cuadriplicouse desde o inicio da lexislatura, e Galicia mantense como unha das poucas comunidades autónomas que segue concedendo altas e mantendo o volume de atendidos.

O Valedor do Pobo destaca, no seu informe, os esforzos do Goberno galego por conceder servizos fronte a prestacións económicas, tal e como establece como prioridade a propia Lei de dependencia. Neste sentido, o 59,3% das prestacións son servizos ou prestacións económicas vinculadas servizos o que pon de manifesto a aposta clara da Xunta polo cumprimento da norma e a súa prioridade pola garantía dos coidados fronte aos datos estatísticos.

Para garantir un correcto servizo aos cidadáns, a Xunta de Galicia puxo en marcha, ademais, o servizo de información ao dependente a través do 012 e publicou unha nova orde de dependencia que se asenta sobre unha aposta clara pola calidade e na que se desenvolven aspectos tan importantes como os requisitos que debe cumprir o beneficiario, a intensidade dos servizos, o réxime de compatibilidades e o sistema de seguimento da calidade.

Tarxeta sanitaria gratuíta

A espera media cirúrxica nos hospitais da rede do Sergas sitúase na actualidade en 64,6 días, o que supón o mellor dato desde o ano 2003. Ademais, cúmprense os obxectivos de manter por debaixo dos 30 días a espera para os pacientes de patoloxías de prioridade 1, e dos 60 os de prioridade 2.

A tarxeta sanitaria é gratuíta a primeira vez que se lle outorga ao paciente e non caduca nin é necesario renovala. O Goberno galego adoitou a decisión de cobrar unha taxa por renovala en caso de perda ou deterioro, tal e como se fai con outros documentos como o DNI, o carné de conducir ou o pasaporte, despois de detectar un importante volume de solicitudes de emisión de novas tarxetas derivadas dun uso inadecuado, e co obxectivo de promover unha utilización coidada e responsable deste recurso.

No que atinxe á asistencia sanitaria a desempregados de larga duración, Galicia xa se adiantou no seu día ao resto do Estado e desde setembro garante que non se perda a asistencia aínda que se esgote a prestación por desemprego.

A Xunta de Galicia traballa, ademais, por mellorar os tempos de resposta ao Valedor, así como por atender as demandas dos cidadáns, tanto directamente como a través dos organismos competentes.

Proxectos innovadores en educación

No eido educativo, a Xunta de Galicia traballa para que a crise non repercuta negativamente no ensino; ao contrario, para conseguir que a actual situación económica sirva como estímulo para facer un uso máis eficiente dos recursos dispoñibles e mellorar a calidade do ensino.

Neste sentido, o Goberno galego puxo en marcha proxectos como o Abalar, de incorporación das novas tecnoloxías ao sistema educativo; o Plan de potenciación das linguas estranxeiras; ou os contratos-programa e o Plan de iniciativas de mellora contra o abandono escolar que beneficiaron a máis de 15.000 alumnos. Todos eles programas innovadores que demostran que cunha boa reestruturación de recursos se pode acadar a eficiencia e bos resultados.

A Xunta reestruturou o transporte escolar logrando un incremento do 2,3% no número de usuarios, e incrementou a oferta de comedores escolares en máis de 6.000 prazas en dous cursos. O Goberno galego conseguiu aumentar a matrícula nas ensinanzas regradas das Escolas Oficiais de Idiomas nun 25% e os matriculados en Formación Profesional incrementáronse un 23% desde o principio da lexislatura.

O Goberno galego está a reforzar o sistema educativo pese a crise e iso reflíctese na diminución da taxa de abandono escolar que baixou no que vai de lexislatura un 2,9% recuperando os niveis de 2004, o que mantén a Galicia cunha porcentaxe 5,3 puntos mellor que a media española.

É importante destacar que as queixas sobre política lingüística presentadas ante o Valedor do Pobo baixaron un 27% o que demostra que o decreto do plurilingüismo veu dar resposta ás demandas de equilibrio lingüístico da cidadanía galega.

A Xunta de Galicia ven de aprobar, por último, o Plan anual de cooperación galega para o desenvolvemento, un plan que recolle actuacións por un importe de 6,6 millóns de euros, aposta polos principios de calidade e eficacia da axuda e segue a dar cumprimento aos compromisos previstos no II Plan Director de Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento galego.