A Xunta recibe do Ministerio de Xustiza unha nova versión de Minerva que non está adaptada ás necesidades da nova reforma procesual que entrará en vigor o 11 de decembro

Sábado 10 de Decembro de 2011

A Xunta recibe do Ministerio de Xustiza unha nova versión de Minerva que non está adaptada ás necesidades da nova reforma procesual que entrará en vigor o 11 de decembro

A Administración autonómica en colaboración co Tribunal de Xustiza de Galicia estableceu un procedemento de actuación transitorio para paliar as posibles incidencias no funcionamento da xurisdición do social

Trátase dunha medida de carácter provisional ata que o Ministerio remita a versión adaptada de Minerva

O Ministerio de Xustiza remitiu á Xunta de Galicia unha nova versión de Minerva que segue sen dispoñer das adaptacións  ás leis de reforma procesual, que entrarán en vigor o 11 de decembro e que afectan á  xurisdición social.

Co obxectivo de minimizar no posible os efectos de negativos desta situación no funcionamento ordinario na xurisdición social, a Xunta de Galicia de xeito coordinado coa Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estableceu un procedemento transitorio de xestión do que foron informados os secretarios dos órganos implicados.

É unha medida de carácter provisional, ata que estea dispoñible a versión adaptada do sistema Minerva ás reformas indicadas, e se poidan efectuar as comprobacións funcionais precisas antes da súa posta en produción para os órganos xudiciais.

A Xunta de Galicia  solicitou formalmente ao Ministerio de Xustiza o pasado 30 de novembro que lle remitira con urxencia a versión do programa informático Minerva coas modificacións necesarias para adaptalo ás leis de reforma procesual publicadas o pasado día 11 de outubro no BOE. Tras esta solicitude a Xunta recibiu una nova versión da aplicación Minerva que recolle outras actualizacións pendentes pero non as modificacións necesarias para respostar ás necesidades da reforma procesual que entrará en vigor o 11 de decembro. 

Esta cuestión foi tratada na Comisión Mixta entre os representantes do Tribunal Superior de Xustiza e da Xunta de Galicia, celebrada o pasado 30 de novembro, na que se acordou crear un comité de traballo para abordar esta situación e as medidas de solución transitorias para tratar de paliar os problemas que poida provocar o retraso na recepción da versión adecuada de Minerva.