A Xunta publica os resultados de anteriores convocatorias electorais ao parlamento de Galicia en formatos abertos para facilitar a súa reutilización

Domingo 16 de Setembro de 2012

A Xunta publica os resultados de anteriores convocatorias electorais ao parlamento de Galicia en formatos abertos para facilitar a súa reutilización

Están xa dispoñibles no portal Abert@s e permiten a creación de aplicacións e prestacións por parte de cidadáns e empresas

Publicaranse tamén os resultados das eleccións do 21 de outubro

Esta iniciativa Open Data da Xunta púxose en marcha en marzo e conta xa con 250 conxuntos de datos

A Xunta de Galicia vén de publicar os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia nas convocatorias de 2009 e 2005 no portal Abert@s. Así as empresas e cidadáns que o desexen poden acceder a esta información en formatos abertos, o que lles permite reutilizalos e crear posibles aplicacións e prestacións.

A información dispoñible inclúe os datos do censo de electores, os indicadores de voto, abstención, os votos acadados por cada formación política que presentou candidatura. Os datos están detallados a nivel de mesa electoral (distrito, sección e mesa) e está accesible nas seguintes ligazóns:

resultados 2009 en Abert@s: http://abertos.xunta.es/catalogo/administracion-publica/-/dataset/0260/eleccions-parlamento-galicia
resultados 2005 en Abert@s: http://abertos.xunta.es/catalogo/administracion-publica/-/dataset/0261/eleccions-parlamento-galicia 

O portal Abert@s publicará tamén os resultados da convocatoria electoral  do vindeiro 21 de outubro. Os datos das eleccións de 2005 e de 2009 son a última incorporación a esta iniciativa Open Data da Xunta, que se puxo en marcha en marzo para facilitar o acceso á información xerada pola Administración para a súa reutilización.

Ademais de que a publicación destes datos poida contribuír a xerar valor económico, a partir da reutilización que poderían facer deles as empresas do sector infomediario, a Administración galega busca que a súa apertura xere valor social en termos de transparencia informativa.

Materia prima para novas aplicacións e servizos
No portal Abert@s, publicase información de interese público da Administración galega e dos seus organismos de gran valor pola súa fiabilidade e calidade pero que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros ou ben dispersos. Actualmente Abert@s ten publicados 250 conxuntos de datos.

Os documentos están dispoñibles en formatos estándar, abertos e interoperables, en liña coa promoción difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e de fontes abertas que está a impulsar a Xunta a través do Plan Floss.

Esta iniciativa de Open Data supón elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información.

Ademais, esta información é especialmente relevante para o sector infomediario, isto é a para a industria de contidos dixitais que atopará materia prima para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido.