A Xunta publica hoxe a licitación do servizo de impresión por arrendamento que permitirá un aforro anual de 392.000 euros

Venres 19 de Abril de 2013

A Xunta publica hoxe a licitación do servizo de impresión por arrendamento que permitirá un aforro anual de 392.000 euros

Implantarase en toda a Administración de Xustiza e os departamentos dependentes da Presidencia e da Vicepresidencia

Este modelo de xestión substitúe o sistema de adquisición por compra polo de arrendamento e permitirá a dotación de ata 519 equipos nas sedes xudiciais galegas e en varias áreas da Administración autonómica

A Xunta publica hoxe a licitación da contratación do servizo de impresión para as sedes xudiciais da Administración de Xustiza en Galicia, da área de Presidencia da Xunta e da Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza. Este modelo de xestión substitúe o sistema de adquisición por compra polo de arrendamento, conseguindo un aforro anual de 392.000 euros en gastos de impresión e mellorando a prestación do servizo.

O novo contrato de arrendamento inclúe a dotación de ata 519 equipos de impresión, escaneo, copia e fax que dan servizo aos departamentos dependentes da Presidencia, da Vicepresidencia, e ás sedes xudiciais galegas. Neste último caso son equipos adaptados ao requisitos de seguridade, perfís dos usuarios e ás necesidades das aplicacións informáticas que se empregan no eido xudicial.

Menos gasto e mellor servizo

Este sistema de xestión do servizo de impresión, que inclúe tamén o mantemento, permitirá reverter a situación actual caracterizada polo alto custo en consumibles de diferentes tipos ao non contar cun equipamento homoxéneo, os elevados gastos de mantemento, un escaso control do consumo e  unha difícil xestión dun parque heteroxéneo que obriga a dispoñer dun stock de material informático sobredimensionado e moi caro. 

Esta problemática, que afecta a todos os ámbitos administrativos, era especialmente crítica nas sedes da Administración de Xustiza, xa que situación do equipamento é moi desigual con máquinas non dimensionadas para as necesidades da maior parte dos xulgados, e con consumos moi altos pola súa obsolescencia.

O novo contrato, por importe de 2,16 millóns de euros en catro anualidades prioriza a redución de custes e por iso, ante a necesidade urxente de renovar o equipamento actual, a Xunta avoga por cambiar o modo de prestar este servizo substituíndo o sistema de adquisición por compra polo de arrendamento reducindo o gasto e mellorando  a prestación do servizo.