A Xunta publica a aplicación do Diario Oficial de Galicia para dispositivos móbiles

Martes 07 de Xaneiro de 2014

A Xunta publica a aplicación do Diario Oficial de Galicia para dispositivos móbiles

Está dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android en galego e castelán

Ademais de acceder á mesma información que na web, o usuario pode filtrar os anuncios por categorías e destacar os que sexan do seu interese

É a número dez das aplicacións móbiles lanzadas pola Xunta, que desde o pasado mes de xullo suman máis de 39.000 descargas

Forma parte das medidas do Plan de Modernización da Administración autonómica, que en 2011 substituía o DOG en papel pola edición electrónica

A Xunta de Galicia vén de publicar a nova aplicación para dispositivos móbiles do Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta ferramenta supón un paso máis no achegamento da administración autonómica á cidadanía, facilitando a consulta da información do DOG en calquera momento e lugar desde un smartphone ou tableta con sistema operativo Android ou iOS.

Desde esta semana, todos os anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia están dispoñibles no móbil. A aplicación pode descargarse de Google Play Store para Android e de iTunes para iOS. A aplicación do DOG actualízase de xeito constante coa reutilización da información procedente da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia que se publica no portalwww.xunta.es. Está dispoñible tanto en galego como en castelán.

A aplicación permite consultar a información dispoñible no DOG do mesmo xeito que se faría a través da web, coas opcións de acceder ao último diario dispoñible, realizar unha busca para unha data concreta e consultar o contido directamente na aplicación e descargalo en formato pdf.

Novas funcionalidades
Ademais, o DOG para dispositivos móbiles abre unha serie de posibilidades novas para que a persoa usuaria escolla os anuncios do seu interese. Poden filtrarse por sección (disposicións xerais, autoridades e persoal, anuncios...), por rango (lei, decreto, orde, resolución...), por área temática (ensino e formación; medio ambiente; ciencia e tecnoloxía; economía, empresa e emprego...) e por colectivo ao que van dirixidos (autónomos/as, desempregados/as, empresas, emigrantes, pais e nais...). A función “favoritos” permite ter sempre a man os anuncios de especial relevancia para cada persoa usuaria.

Dez apps da Xunta de Galicia
A do DOG fai a número dez das aplicacións móbiles lanzadas pola Administración autonómica para diferentes sistemas operativos: Android, iOS, Windows Phone e Blackberry. Está dispoñible no espazo ‘Xunta’, onde se publican o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles, baixo a coordinación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O catálogo de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia inclúe aplicacións para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute) e co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus). Desde o pasado máis de xullo estas aplicacións suman máis de 39.000 descargas. Máis información das aplicacións da Xunta en http://www.xunta.es/aplicacions-mobiles

Aforro de un millón de euros anuais co DOG electrónico
O 2 de maio de 2011 a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia, substituía versión impresa, cumprindo un dos obxectivos recollidos no decreto de Administración electrónica do Plan de Modernización que a Xunta puxo en marcha en 2010. Desde a súa posta en marcha o DOG dixital recibiu máis de 11,5 millóns de visitas.

Ademais de garantir a mesma validez xurídica que a versión en papel a edición online do DOG ofrece un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a toda a cidadanía, simplificando os procesos de produción, reducindo o tempo de edición, a racionalización do gasto e a difusión gratuíta do boletín.

Entre as principais vantaxes da edición electrónica está o importante aforro económico de máis de 1 millón de euros anual ao eliminar o uso do papel para a súa publicación xunto coa redución do impacto ambiental.

Modernización da Administración
A posta en marcha da edición electrónica do DOG e a publicación da aplicacións para móbiles son actuacións marcadas Plan de Modernización da Administración autonómica ten como obxectivo conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas os 365 días do ano para o que se están a implantando progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns así como na súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións.