A Xunta prorroga o contrato do servizo de telecomunicacións conseguindo melloras por importe de 7 millóns de euros
Instalaranse conexións de internet a través de fibra óptica en 20 escolas infantís
Incrementarase a velocidade de conexión en ata 240 sedes de centros públicos con tecnoloxía 4G
Reforzarase conexión de fibra do CPDI co CPD de respaldo, o que mellorará a redundancia para garantir a continuidade dos servizos ante posibles incidencias
Reducirase nun 15% o custo de novas altas de liña de telefonía fixa
Disporase dun bono anual de ata 200.000 sms masivos gratuítos para comunicacións de diferentes servizos da administración electrónica
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de prorrogar o contrato dos servizos de telecomunicacións por un prazo de dous anos, a partir de marzo de 2018, no que os operadores adxudicatarios investirán ata 7 millóns de euros en diferentes melloras nos servizos de internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.
Entre as melloras comprometidas, R, operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de internet, instalará conexión de fibra óptica en 20 escolas infantís. Ademais, migrará máis de 40 centros conectados a unha tecnoloxía máis moderna, que permite acadar velocidades moi superiores ás actuais.
Reforzarase conexión de fibra do CPDI co CPD de respaldo, o que mellorará a redundancia para garantir a continuidade dos servizos ante posibles incidencias no CPD. Ademais, realizarase a migración do CPD do CIXTEC CPDI da Cidade da Cultura sen custe adicional para Administración. Tamén se reducirá nun 15% o custe de altas de liñas e actualizarase o software das centraliñas de telefonía fixa da rede corporativa.
En canto á telefonía móbil, entre os compromisos do operador Vodafone, adxudicatario do servizo, está a mellora da conexión a internet en ata 240 sedes de diferentes servizos públicos, grazas á instalación de liñas de datos 4G. Tras a eliminación das tarifas de roaming en Europa o pasado mes de xuño, reducirase nun 10% o custe dos bonos de datos fóra do continente.
Outra das melloras previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono anual de 200.000 sms masivos gratuítos unha vez consumidos os 420.000 sms anuais. As mensaxes masivas están vinculadas á servizos da Administración dixital que se están a incrementar de xeito progresivo como as notificacións electrónicas a cidadáns e empresas.
Máis servizos, menos custe e máis investimento
O actual contrato de telecomunicacións da Xunta, entrou en vigor en 2015, conseguindo un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros acadar importantes melloras e reforzar a rede corporativa, que proporciona servizo de internet, telefonía fixa e móbil a 3.000 centros da Administración autonómica.
Entre as melloras contempladas está o incremento en máis dun triple de media o ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 Gigas da capacidade do acceso a internet da rede corporativa. Tamén se están a integrar na rede corporativa os servizos de telefonía de preto de 1.400 centros públicos, o que mellorará a xestión das telecomunicacións e do servizo co que contan.