A Xunta promove a implicación das empresas tecnolóxicas na defensa ante ciber-ataques

Martes 19 de Abril de 2022

A Xunta promove a implicación das empresas tecnolóxicas na defensa ante ciber-ataques

• O Nodo Galego de Ciberseguridade ampliarase nos vindeiros días e xa serán preto de 45 entidades e organismos no ecosistema de ciberseguridade de Galicia
• A Xunta activou recentemente un decálogo de medidas para facer fronte aos novos retos e á ciberdelincuencia na Comunidade, con investimentos que se achegan aos 18 millóns de euros
• O Nodo CIBER.gal, promovido pola Xunta, está integrado por todas as Administracións públicas e os organismos de referencia da ciberseguridade en España, ademais das tres universidades galegas e das empresas
• Todo o tecido empresarial de Galicia poderá participar en máis de 20 actividades convocadas polo Nodo, nas que recibirán consellos prácticos e formación en seguridade en comercio electrónico, seguridade dos datos, enxeñaría social ou seguridade no sector turístico, entre outros
• Estas actuacións complementan a implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas que se realiza no marco do programa Re-acciona
• A Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027


A Xunta de Galicia aposta polo fortalecemento do ecosistema de ciberseguridade coa incorporación de novas empresas e profesionais ao Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal.

 

O Nodo, promovido pola Xunta, integra, ademais das empresas e profesionais, a todas as Administración públicas e aos organismos de referencia en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), dependente do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), integrado no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. CIBER.gal é a primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España.

 

Nos vindeiros días, está previsto que se integren no Nodo ata 8 novas empresas e profesionais. Deste xeito, serán xa máis de 30 os integrantes deste espazo de colaboración procedentes do sector privado.

 

As empresas e profesionais que forman parte de CIBER.gal son maioritariamente do sector tecnolóxico, así como doutros como a investigación e o coñecemento, o sector normativo e de cumprimento, e de compañías con importantes estruturas de ciberseguridade de sectores como as finanzas ou a produción de madeiras.

 

Grazas a esta colaboración activa, CIBER.gal poñerá en marcha nos próximos tres meses máis de 20 actividades dirixidas ao tecido empresarial de Galicia. Estas actividades poñen o foco na concienciación, sensibilización e formación das persoas profesionais de Galicia, co obxectivo de lograr unha óptima cultura de ciberseguridade nas organizacións.

 

A primeira destas actividades desenvolverase en dúas sesións, o 27 de abril e o 3 de maio, coordenada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración de Altia. Tratará sobre a seguridade dos datos e estará dirixida a todas as persoas profesionais responsables do seu tratamento. Os participantes recibirán información sobre como protexer os datos de clientes, provedores, da propia organización, e recibirán formación para reaccionar e actuar se ocorre unha brecha de seguridade.

 
18 millóns para facer fronte á ciberdelincuencia

O pasado mes, o Consello de Goberno recibiu o “Informe de medidas en materia de ciberseguridade lideradas pola Xunta de Galicia”, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que facía referencia a actuacións en marcha ou que comezarán a aplicarse en 2022 que suman investimentos de preto de 18 millóns de euros.

 

O informe enmarca as actuacións da Xunta en materia de ciberseguridade nun decálogo de medidas de tres tipos: as infraestruturas e operacións, a estratexia de colaboración público – privada, e a formación e concienciación.

 

Entre estas medidas atópanse a creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,5 millóns de euros, ou o Proxecto de mellora da seguridade na Administración de xustiza de Galicia, que se atopa en marcha cun investimento de ao redor de 2 millóns de euros.

 

A Xunta ten en marcha tamén un Acordo Marco que oferta servizos de seguridade a todos os departamentos das administracións públicas autonómica e local e outras entidades públicas. Este instrumento permite investimentos estimados en 8,2 millóns de euros.

 

Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

 

Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

 

Por outra banda, a Xunta intensificará as accións encamiñadas a concienciar á cidadanía sobre a importancia da ciberseguridade e para mellorar as capacidades no uso da tecnoloxía dixital.

 

Escenario de aumento da ciberdelincuencia e novas ameazas

O informe elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destaca que a nosa Comunidade sufriu case 20.000 estafas a través de medios telemáticos en 2021. Un de cada catro delitos cometidos en 2021 foron estafas de tipo telemático. Nese ano producíronse de media 40.000 ciberataques ao día en España, o que representa un aumento do 125 % con respecto a 2020.

 

Segundo o informe, en liñas xerais, os ataques son máis profesionais e sofisticados, con novas formas de infracción, extorsión e pagamento. Neste sentido, en 2021 rexistrouse en todo o mundo un incremento do 29 % nos ciberataques contra o sector educativo con respecto ao ano anterior. En España, o crecemento foi do 11 % con respecto a 2020.

 

O texto sinala así mesmo, que no momento actual existe unha situación de ameaza aos servizos públicos, de abastecemento e de información. Ante esta situación, a Xunta participa desde o pasado 21 de febreiro na actuación coordinada polo CCN do Ministerio de Defensa e polo Ministerio de Interior. O informe destaca que a maior parte das medidas solicitadas xa estaban implantadas ou en proceso de implantación na Xunta de Galicia.