A Xunta presentará nunha xornada os resultados do programa de promoción do cooperativismo a través do I+D+i
Os directores xerais de Relacións Laborais e I+D+i inaugurarán o seminario, que se celebrará en Santiago o vindeiro día 10 e no que se exporán tres casos de éxito
A Xunta presentará nunha xornada os resultados do programa de promoción do cooperativismo a través do I+D+i, que se desenvolveu durante este ano. As cooperativas beneficiáronse de actividades como a formación mixta (e-learning e presencial), creación de redes; asesoramento personalizado e tutorización.
A iniciativa, impulsada polas direccións xerais de Relacións Laborais e de I+D+i, permitiu que as cooperativas interesadas en executar as súas ideas innovadoras tivesen apoio na procura de socios tecnolóxicos axeitados e de fontes de financiamento.
Precisamente, o titular de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, será o encargado de presentar a xornada que se celebrará en Santiago o vindeiro día 10. Nela, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla Pueyo, dará as pautas de futuro que está a marcar a innovación e falará da situación da financiación pública para este tipo de proxectos.
Neste seminario exporanse tres casos de éxito en materia de innovación desenvolvidos polas cooperativas galegas. Os responsables destas sociedades detallarán os seus proxectos, os principais problemas que atoparon e os resultados conseguidos.
Así mesmo, tres expertos no eido das tecnoloxías de información e comunicación (TIC); nutrición e saúde; e eficiencia enerxética analizarán as oportunidades da innovación nestes ámbitos concretos e a contribución do I+D+i á diferenciación no mercado.
Ademais, tamén presentarán os resultados do estudo de ‘benchmarking’ realizado por cooperativas galegas, españolas e europeas en diversos temas, con información sobre as accións que se deben realizar no futuro.
Os interesados en participar deben confirmar a súa asistencia a través do correo electrónico info@innovacioncooperativas.com ou mediante o teléfono 981 160 310. O programa da xornada poderá consultarse na web www.innovacioncooperativas.com.