A Xunta presentará antes do verán o Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Administración de Xustiza
O conselleiro de Presidencia participou hoxe na presentación dun informe sobre as TIC na Xustiza do futuro
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á presentación do informe ‘As tecnoloxías da Información e a Comunicación na Xustiza do futuro’, onde avanzou que ao longo do mes de xuño a Xunta ten previsto presentar o primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Administración de Xustiza en Galicia.
O titular de Presidencia explicou que os obxectivos deste plan pasan por facer efectivo o expediente xudicial, achegar os servizos á cidadanía e interconectar todas as administracións implicadas na Xustiza, co fin de aproveitar e compartir a información entre elas. Ademais, unha das medidas previstas é que a Administración galega teña autonomía na xestión dos sistemas informáticos que xestionan os expedientes xudiciais, que actualmente xestiona o Ministerio de Xustiza.
Rueda destacou que as tecnoloxías da información e da comunicación poden axudar a dar un salto de décadas na administración de Xustiza e, nese sentido, recordou que a Xunta puxo en marcha o ano pasado un plan TIC de medidas urxentes. Dito plan identificou as necesidades máis apremiantes en materia de novas tecnoloxías na xustiza e iniciou accións para a mellora da infraestrutura tecnolóxica e de servizos, que supuxeron un primeiro chanzo que agora se completará co Plan de Sistemas.
Para a súa elaboración contouse dende o comezo cos representantes do mundo xudicial e xurídico de Galicia e, dese xeito, no último ano a Xunta mantivo reunións con máis de 60 profesionais deste ámbito, entre os que se atopan membros da xudicatura e da Fiscalía, avogados e procuradores, secretarios xudiciais, persoal dos xulgados e representantes sindicais.
O conselleiro advertiu da necesidade da súa implicación para incorporar as TIC na Xustiza e tamén cualificou de fundamental a súa participación na implantación da Nova Oficina Xudicial, un proceso no que tamén participa a Xunta, vinculado así mesmo ás novas tecnoloxías e que tamén contribuirá definitivamente á modernización da Administración de Xustiza.