A Xunta presenta o venres a Axenda Dixital de Galicia que busca avanzar cara unha economía baseada no coñecemento a través das novas tecnoloxías

Mércores 23 de Xuño de 2010

A Xunta presenta o venres a Axenda Dixital de Galicia que busca avanzar cara unha economía baseada no coñecemento a través das novas tecnoloxías

O presidente da Xunta e a secretaria xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica explicarán a estratexia da Comunidade no ámbito das TIC

As 7 liñas estratéxicas e os 40 programas da Axenda reforzan transversalmente os eixos de actuación do Plan Estratéxico 2010-2014

O presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presentarán este venres as liñas estratéxicas da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia ante os axentes políticos, sociais e económicos da Comunidade.

A Axenda Dixital de Galicia aglutina a estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta e define as actuacións para maximizar o potencial social e económico das TIC como peza clave que axude a converter a economía actual nunha economía intelixente, sustentable e integradora cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial.

Cun orzamento público de preto de máis de 900 millóns de euros, na Axenda Dixital integraranse tamén os esforzos privados, que se estiman na orde de 700 millóns de euros. En total, o esforzo conxunto destinado ao desenvolvemento da sociedade da información achegarase aos 1.600 millóns de euros.

A Axenda Dixital de Galicia, con sete liñas estratéxicas e 40 programas, é o instrumento que establece o xeito no que as políticas tecnolóxicas respaldan e reforzan transversalmente os distintos eixos de actuación do Plan Estratéxico; é a resposta para 2014 ao reto do crecemento intelixente, baseado no coñecemento e na innovación.

Compromisos

A folla de ruta que se establece en 2014.gal Axenda Dixital determina unha serie de compromisos da Xunta de Galicia para facilitar a converxencia con Europa e o crecemento sostible.

Para impulsar o emprego promoverase a creación, só no sector TIC, de máis de 12.000 empregos ata 2014, pasando do 1,6% ao 2,5% da poboación ocupada. Ademais, potenciarase a transformación do sector da economía do coñecemento para aumentar a súa actividade económica en 1.350 millóns de euros máis para o 2014, pasando do 4,8% ao 6% do PIB, e iniciando así a senda de converxencia con España e con Europa no que representa este sector para a economía dun país.

Co obxectivo de conseguir unha Administración máis eficaz, a Xunta de Galicia reducirá nun 25% o gasto anual en TIC, aforrando así 30 millóns de euros cada ano a partir do 2014 e dedicando eses cartos a accións de investimento no marco que define esta Axenda Dixital. Así mesmo, reafírmase o compromiso de que no ano 2014 todos os expedientes administrativos poderán ser tramitados a través de Internet.

A capacitación dixital dos cidadáns implica, entre outras medidas, que o 100% dos funcionarios públicos conten con competencias dixitais para construír unha administración máis eficiente e orientada ao cidadán. Adoptaranse medidas para reducir drasticamente a fenda dixital.

Todos estes compromisos requiren a extensión dunhas infraestruturas adecuadas e por iso a Xunta puxo en marcha o Plan de Banda larga para o 100% da poboación poida contar con acceso a Internet de a lo menos 2 Mbps e un millón de galegos teña aceso a redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps en 2013.