A Xunta presenta o centro de proceso de datos integral do Gaiás nun foro internacional que analiza as necesidades e retos deste tipo de equipamentos

Martes 21 de Xuño de 2011

A Xunta presenta o centro de proceso de datos integral do Gaiás nun foro internacional que analiza as necesidades e retos deste tipo de equipamentos

O evento, organizado pola entidade internacional DatacenterDynamics, reúne en Madrid a profesionais líderes da industria tecnolóxica a nivel mundial

Presentaranse casos de estudio e documentos técnicos sobre cómo optimizar os requirimentos internos e externos destas instalacións

O CPDI da Xunta permitirá reducir custes, acadar unha mellor eficiencia enerxética e garantir unha maior dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais que ofrece a Administración

O subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións da Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Adrián Lence, participa hoxe no foro organizado pola entidade internacional DatacenterDynamics, onde presentará o Centro de Proceso de Datos Integral, que a Xunta porá en marcha a finais de ano.

Lence participa neste foro, que reúne en Madrid a profesionais líderes da industria tecnolóxica a nivel mundial e que abordarán os retos aos que se enfrontan usuarios e operadores dos Centro de Proceso de Datos (CPD), ante o rápido crecemento dos avances tecnolóxicos, e as necesidades de mellorar a eficiencia enerxética, a dispoñibilidade e a seguridade destes equipamentos.

Os Centro de Procesos de Datos son as instalacións que albergan o equipamento tecnolóxico que xestiona os datos e os servizos TIC de grandes organizacións. No foro analizaranse todos os aspectos que leva aparellado a posta en marcha dun CPD, desde as decisións sobre o deseño, construción e operación, as opcións máis axeitadas para a súa organización e as medidas para unha mellor optimización dos seus recursos.

O novo CPDI da Xunta
A Xunta de Galicia iniciou o pasado ano o proceso para poñer en marcha un Centro de Proceso de Datos Integral que permitirá mellorar a competitividade, reducir custes, acadar unha mellor eficiencia enerxética, unha maior flexibilidade, interoperabilidade e seguridade así como unha simplificación da xestión e unha homoxeneización da estratexia tecnolóxica da Xunta. Unha vez integrados todos os servizos no novo CPD, acadarase un aforro de 3 millóns de euros anuais.

O Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), integrará as funcións dos CPDs existentes agora na Comunidade, dos cales o 90% carece de capacidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos para mellorar a eficiencia da Administración galega. Ademais, a consolidación dun CPDI único fará posible unha administración que funcione 24 horas ao día os 365 días do ano, garantindo unha maior dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais que ofrece a Administración.

Servizo a cidadáns e entidades públicas
O Centro de Proceso de Datos Integral dará servizo a preto de 2,8 millóns de cidadáns; máis de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a 91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou universidades.

Instalacións
Ubicado no monte Gaiás, o novo CPDI ocupará un espazo no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Habilitaranse as áreas de operadores, reparación e montaxe, equipamento de copias de respaldo, sala de comunicacións para dar servizo ós servidores, sala para os operadores de telecomunicacións, sala de servidores e área técnica. Está previsto rematar o acondicionamento da nova plataforma tecnolóxica en decembro deste ano e completar a integración dos centros de datos no CPDI ao longo de 2012.

Axenda Dixital de Galicia
A posta en marcha do CPDI intégrase en dúas das liñas contempladas en 2014.gal Axenda Dixital de Galicia que son a prestación de novos e mellores servizos públicos dixitais e a consecución dunha Administración eficiente. A Xunta de Galicia carecía dunha estratexia global en materia de xestión das tecnoloxías da información e a comunicación que impediu unha aplicación efectiva das TIC para a modernización das administracións públicas.