A Xunta presenta este venres o portal de información xeográfica de Galicia, que incorpora a nova web de planeamento urbanístico
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan unha xornada técnica no Instituto Galego da Vivenda e o Solo, en Santiago
A posta en marcha do portal mapas.xunta.es implica un gran avance cara a difusión e o coñecemento da información territorial de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentarán o vindeiro venres, 18 de xullo, o novo portal do Sistema de Información Xeográfica da Xunta de Galicia, unha plataforma que permite o acceso a toda a información de carácter xeográfico da comunidade.
O portal “mapas.xunta.es” facilitará notablemente o acceso á información xeográfica do territorio galego; ademais, conta cunha plataforma SIX corporativa e cunha infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia, o que redunda non só nunha mellora na navegabilidade da web, senón tamén nun gran paso cara a adiante no acceso a información sobre o territorio galego.
Durante esta xornada, que se celebrará no salón de actos do Instituto Galego de Vivenda e Solo, daranse tamén a coñecer as novidades da web de información urbanística, que agora se configura como un verdadeiro Sistema de información territorial, baseado en tecnoloxías dos sistemas de información xeográfica (SIX) e orientado á web e á internet.
A esta actividade formativa, que dará comezo ás dez da mañá, están confirmados arredor dun cento de técnicos de planeamento e empresas relacionadas coa materia, que coñecerán os avances que esta plataforma suporá para a difusión e o coñecemento da información territorial de Galicia. Todos os contidos estarán dispoñibles desde o enderezo mapas.xunta.es.
Representantes da Consellería de Medio Ambiente abordarán a importancia da información xeográfica e territorial e tamén se abrirá un debate sobre a información urbanística de Galicia no marco da presentación da nova web de información de ordenación do territorio e urbanismo de Galicia.