A Xunta presenta ao sector TIC un documento sobre o fogar dixital asistencial que facilitará o aliñamento dos proxectos tecnolóxicos con necesidades específicas da sanidade galega

Mércores 15 de Xuño de 2011

A Xunta presenta ao sector TIC un documento sobre o fogar dixital asistencial que facilitará o aliñamento dos proxectos tecnolóxicos con necesidades específicas da sanidade galega

O proxecto, enmarcado na Axenda Dixital 2014.gal e na Estratexia Sergas 2014 busca ofrecer servizos de atención sanitaria na casa a través das novas tecnoloxías

O primeiro ámbito de implantación do Fogar Dixital Asistencial centrarase na prestación de servizos sanitarios no domicilio orientados a pacientes con patoloxías crónicas

O 27 de xuño inaugurarase o Centro Demostrador TIC, que permitirá ás empresas do ámbito tecnolóxico amosar produtos e servizos dirixidos a mellorar produtividade e competitividade das empresas doutros sectores produtivos

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Sanidade trasladaron hoxe aos representantes dos axentes TIC da Comunidade un documento cos requisitos técnicos e funcionais do Fogar Asistencial Dixital para que o sector oriente os seus proxectos neste eido en liña coas necesidades do ámbito sanitario galego.

O Fogar Asistencial Dixital é unha aposta da Xunta de Galicia pola aplicación da tecnoloxía aos servizos sanitarios ofrecendo estas prestacións no domicilio do fogar a través das TIC. Trátase do primeiro ámbito de aplicación do Fogar Dixital, un proxecto máis amplo enmarcado na Axenda Dixital 2014.gal que ten como obxectivo prestar servizos públicos no fogar do cidadán no eido educativo, laboral...

Este foi un dos temas abordados hoxe pola responsable da Secretaría Xeral de Modernización cos axentes TIC da Comunidade. Na xuntanza Mar Pereira tamén avanzou a inauguración do Centro Demostrador TIC de Galicia, o escaparate tecnolóxico da Comunidade.

Servizos sanitarios orientados a pacientes con patoloxías crónicas
Dentro do proxecto da Consellería de Sanidade de atención a pacientes crónicos, recollido na Estratexia Sergas 2014, figura a utilización das tecnoloxías da información para garantir a mellor atención a estes pacientes no seu domicilio, reforzando o papel dos profesionais de atención primaria, sobre todo a enfermería na súa atención. Ademais de potenciar o autocoidado e a responsabilidade do propio paciente no control da súa enfermidade.

O documento sobre o Fogar Dixital Asistencial, dispoñible na web IMit, expón os servizos seleccionados inicialmente pola Consellería de Sanidade para a súa prestación no fogar do paciente, orientados principalmente a pacientes que sofren patoloxías crónicas.

Para facer realidade a chegada de servizos asistenciais ao fogar do cidadán, será necesaria a implantación dunha plataforma tecnolóxica que permita interactuar coas aplicacións de Sanidade e ao mesmo tempo trasladar esta información, a través de Internet, ao fogar do paciente.

No fogar implantarase un dispositivo concentrador que, permitirá visualizar a información enviada desde Sanidade en diferentes interfaces (PC, TV interactiva, dispositivos móbiles...). Ao mesmo tempo este dispositivo, ao que se conectarán elementos periféricos como básculas, pulsómetros…, recollerá os datos do paciente e achegará esta información á plataforma de Sanidade.

O obxectivo final é unir os centros de asistencia sanitaria co domicilio dos pacientes de forma que, os profesionais sanitarios poidan realizar de forma remota e continuada o seguimento tanto do estado do paciente coma da eficiencia da terapia ou dos programas específicos de rehabilitación nos casos oportunos, pacientes (ou coidadores no seu caso) poidan seguilos dende o fogar, mantendo a súa calidade de vida e evitando desprazamentos innecesarios aos centros de saúde.

A futura posta en marcha destes servizos, que complementarán a atención presencial, suporá un primeiro paso na transformación do modelo asistencial cara un novo paradigma que busca mellorar a eficiencia dos procesos actuais e a calidade das prestacións ofertadas aos pacientes.

Proxectos aliñados coas necesidades
Nesta sesión de traballo os representantes da Xunta de Galicia compartiron co sector TIC a súa visión e coñecemento dos Servizos de Fogar Dixital Asistencial coa finalidade de establecer unha orientación dos futuros proxectos neste ámbito que dea resposta ás necesidades reais sanitarias e a asistenciais da Comunidade en liña coa estratexia sanitaria galega.

A iniciativa do Fogar Dixital Asistencia ten un primeiro obxectivo inmediato que é a aplicación da innovación e a tecnoloxía aos servizos sanitarios da Comunidade pero tamén se busca impulsar a exportación destas iniciativas innovadoras do sector TIC galego.

Na xuntanza a secretaria xeral de Modernización incidiu na importancia de deseñar proxectos de calado neste ámbito con capacidade para captar fondos estatais e europeos e tamén na necesidade de buscar a cooperación entre os diferentes axentes do sector para poñer en marcha iniciativas realmente innovadoras e competitivas.

Centro Demostrador TIC
Por outra banda, a secretaria xeral de Modernización avanzoulles aos representantes do sector TIC que o próximo 27 de xuño inaugurarase o Centro Demostrador TIC de Galicia, o escaparate tecnolóxico da Comunidade e contribuír a difundir a marca Galicia como unha marca de solvencia de novas ideas empresariais. O Centro permitiralles ás empresas interesadas do sector das TIC ás pequenas e medianas empresas os produtos e servizos dirixidos a mellorar a súa produtividade e competitividade.

O Centro Demostrador será un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda empresarial TIC para o que contará co Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia MapaTIC.gal, un directorio en liña completo e categorizado de provedores, produtos e servizos TIC existentes en Galicia.

Con respecto a esta ferramenta, a secretaria xeral recalcou na xuntanza a importancia de contar co apoio do sector para que o MapaTIC.gal conte con información actualizada que permita dar resposta ás necesidades empresariais do momento.

Para contribuír ao aliñamento da oferta de produtos e servizos TIC e a demanda empresarial TIC, o centro organizará entre outras as xornadas PeMEDixital.gal e demostracións de produtos TIC aos diferentes sectores produtivos, ademais de levar a cabo diferentes actuacións para a divulgación e promoción do Mapa TIC de Galicia.