A Xunta posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos, as deputacións e o Estado facilitando o intercambio de información entre administracións

Mércores 30 de Maio de 2012

A Xunta posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos, as deputacións e o Estado facilitando o intercambio de información entre administracións

Actuará como nodo de interoperabilidade, que permitirá ao cidadán non ter que presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións

Con esta medida redúcense tempos, custos e axilízase a xestión dos procedementos

Os avances acadados pola Xunta no 2011 nesta área evitaron a presentación do DNI e do certificado de empadroamento en máis de 22.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, anunciou esta mañá que a Xunta impulsará a interoperabilidade entre administracións actuando como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado para facilitar o intercambio de información e documentos entre as entidades públicas.

Pereira indicou que este é un dos obxectivos prioritarios para este ano en materia de Administración electrónica e destacou a súa importancia de cara ao cidadán, xa que a interoperabilidade evitará que teñan que presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións. É un factor fundamental, sinalou, para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.

A responsable de Modernización sinalou que a Xunta xa avanzou nesta liña coa implantación en 2011 do portal de interoperabilidade en todas as consellerías, que permite eliminar a petición de documentación básica como o DNI e o certificado de empadroamento. Durante o pasado ano esta ferramenta evitou a presentación de ambos os dous documentos en máis de 22.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica.

O obxectivo é consolidar este nodo de interoperabilidade para avanzar na eliminación doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias. Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento este verán e desde a que se xestionará toda a documentación que xera a Administración autonómica e prestará servizo a concellos, deputacións e universidades.

A directora da Amtega inaugurou esta mañá na EGAP as Xornadas “Interoperabilidade e Goberno Aberto”, organizadas polo Club de Innovación e a Xunta.

A reutilización da información do sector público
Durante a xornada abordouse tamén o Open Data, outro dos retos que teñen por diante as Administracións para promover a reutilización da información do sector público. A Xunta de Galicia sumouse o pasado mes de marzo ás comunidades autónomas que desenvolven iniciativas de Goberno aberto coa posta en marcha do portal Abert@s. É o quinto do Estado en canto a contidos, xa que comezou a súa andaina cun catálogo inicial de 250 conxuntos de documentos, unha cifra superior á doutras comunidades con portais Open Data operativos desde hai dous anos

Mar Pereira afirmou que a reutilización convertese nun elemento xerador de emprego e riqueza, representando novas oportunidades de negocio para emprendedores e empresas do sector TIC. Neste sentido recalcou que, se se consigue dar valor engadido á información liberada conseguirase un uso social da mesma e en consecuencia un aumento da transparencia e participación.

A directora da Amtega indicou que neste momento difícil no que é importante valorar os investimentos fronte aos beneficios que supoñen, o desenvolvemento da administración electrónica supón de xeito efectivo a mellora da eficiencia e redución de custes na propia administración pública, e a redución das cargas administrativas que para o cidadán e as empresas supón a relación coa administración pública.