A Xunta porá a disposición das lonxas unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de pesada e de clasificación e posibilitará as poxas online

Venres 16 de Setembro de 2016

A Xunta porá a disposición das lonxas unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de pesada e de clasificación e posibilitará as poxas online

A Consellería comunicará ás lonxas a posibilidade de sumarse a esta iniciativa de renovación tecnolóxica e serán as rulas as que decidan de xeito totalmente voluntario se a queren acometer

O proxecto iniciarase en preto de media ducia de lonxas a través dunha fase piloto e irase estendendo ao resto das rulas

A Consellería do Mar destina a esta iniciativa máis de 3,8 millóns de euros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinaron hoxe un acordo de colaboración para o financiamento de proxectos de modernización tecnolóxica en lonxas galegas. A través del as rulas que o soliciten poderán beneficiarse de melloras tecnolóxicas nas súas instalacións que permitirán unha xestión máis eficiente da actividade que desenvolven, sobre todo en materia de comercialización, trazabilidade e seguridade alimentaria e tamén en aspectos relacionados coa xestión económica.

Este acordo recolle accións concretas como a modernización da infraestrutura tecnolóxica das lonxas, melloras no sistema de capturas descargadas, a súa poxa e a emisión dos documentos precisos para a súa comercialización. Ademais, tamén contempla a posta en marcha de iniciativas que faciliten as xestións da actividade propia da lonxa, como pode ser actividade contable, entre outros aspectos.

A conselleira do Mar explicou que a Consellería comunicará ás lonxas a posibilidade de sumarse á renovación e serán as rulas as que decidan de xeito totalmente voluntario se a queren acometer. Sinalou ademais que o proxecto se iniciará en preto de media ducia de lonxas a través dunha fase piloto e irase estendendo ao resto das rulas. Con esta fase piloto, subliñou, mellorarase o proceso de instalación do sistema e terase en conta para os anos vindeiros.

Rosa Quintana engadiu ademais que estas accións de modernización permitirán mellorar a xestión das rulas en todo o que ten que ver coa comercialización, a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Tamén contribuirá a aumentar a eficiencia enerxética e a seguridade e condicións de traballo. Estes son aspectos fundamentais, explicou, tendo en conta que as lonxas son na actualidade os centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros.

Para levar a cabo estas actuacións nas rulas, a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros que se distribuirán nas anualidades 2016, 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

A directora de Amtega sinalou que esta actuación permitirá abordar a modernización das lonxas para facilitar o traballo diario que se desenvolve nelas a través de dúas liñas de actuación. Por unha banda, melloraranse tanto as infraestruturas como o equipamento tecnolóxico das lonxas e, por outra, porase á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará o sistema de pesada e de clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que ata agora se realizaba de xeito manual, o que redundará nunha axilización destes procedementos e posibilitará as poxas online, o que axudará a mellorar a comercialización. Mar Pereira enmarcou esta medida no Proxecto Primare, a estratexia para impulsar o desenvolvemento dos sectores primarios galegos a través das TIC.

O acordo estará vixente ata o momento no que finalice a execución dos contratos previstos, sendo o prazo máximo ata o 30 de novembro de 2019. Non obstante, antes da finalización deste prazo, as partes poderán formalizar unha addenda ao acordo na que se poderá fixar unha prórroga.