A Xunta pon en marcha unha nova actuación do plan de banda larga que posibilitará o acceso a internet do 94% dos galegos en 2013
O Goberno galego concedeu a Telefónica unha axuda de 15 millóns de euros para estender a banda larga a máis de 250.000 habitantes de máis de 11.300 núcleos do rural galego
O operador, que investirá un total de 64 millóns de euros neste despregamento, garante ademais a mellora da cobertura da telefonía móbil nas grandes vilas e cidades e nas autoestradas e autovías da Comunidade
A solución tecnolóxica elixida por Telefónica é a UMTS-3G que destaca pola súa estabilidade e a súa escalabilidade, é dicir, a súa capacidade para aumentar progresivamente a velocidade de descarga de datos
Ésta a quinta das seis accións previstas no Plan que a día de hoxe posibilitou a conexión á Rede de preto de 322.000 galegos sen cobertura
A finais deste ano a porcentaxe de persoas sen conexión a Internet en Galicia reducirase nun 53% grazas ao Plan
A Xunta pon en marcha unha nova actuación do Plan de Banda Larga que posibilitará a conexión a Internet a 250.000 de máis de 11.000 núcleos de poboación sen acceso á Rede entre 2011 e 2013. Con esta acción, a quinta das previstas no Plan, cumprirase o obxectivo de que o 94% dos galegos teñan acceso a Internet en 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.
Ademais de cumprir este obxectivo esta nova acción, que se realizará en colaboración co operador Telefónica, mellorará a cobertura de datos en mobilidade de 728.000 habitantes do rural e garantirá a cobertura de telefonía móbil nas grandes vilas e cidades e nas autoestradas e autovías da Comunidade.
Para realizar esta actuación, o Goberno galego aprobou onte a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha axuda de 15,29 millóns de euros a Telefónica que, xunto co investimento privado previsto polo operador, acadará un orzamento global de máis de 64 millóns de euros.
Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o director de Administracións Públicas de Telefónica no territorio norte, Manuel Alonso, que indicou que a execución deste acción dará emprego a 250 persoas, ás que sumarán os 412 técnicos de Telefónica e de empresas colaboradoras que xa operan sobre o terreo dende os centros técnicos de supervisión situados en Galicia.
Tecnoloxía 3G
A solución tecnolóxica elixida por Telefónica para o despregamento de Banda Larga en zonas rurais de Galicia é a UMTS/ 3G na banda de 900 Mhz., que comezou a utilizarse en España este mesmo mes para los servizos de datos en mobilidade. A aposta de operador por esta solución móbil de acceso a Rede para estas áreas con orografías especialmente complexas ten que ver co enorme desenvolvemento da tecnoloxía móbil e coas súas posibilidades de mellora constante.
Entre as principais características da tecnoloxía UMTS-3G, destaca a súa estabilidade e a súa escalabilidade, é dicir, a súa capacidade para aumentar progresivamente a velocidade de descarga de datos. As previsións que manexan os operadores indican que en 2014 as previsións o maior volume de acceso a Internet provirá de dispositivos móbiles.
Servizos asociados
Os núcleos que accederán a Internet con este plan farano na mesmas condicións e prezos ofertados por Telefónica nas zonas urbanas. Ademais, e como acontece nas cidades, as ofertas para voz e datos virán asociadas a servizos gratuítos como o Terabox -100 gigas de almacenamento na nube-, televisión no móbil, e servizos para estudantes e de filtrado de contidos como, Aula 365 e Canguro Net ademais de servizos para empresas, entre outros.
Será un auténtico servizo de conectividade de banda ancha orientado ao fogar, pois Telefónica subministrará unha base wifi para dar capacidade de acceso a múltiples dispositivos de forma simultánea no fogar. Ao mesmo tempo, o operador está a traballar nestes momentos para ofrecer paquetes e ofertas específicos para o mercado galego, das que tamén se verían beneficiadas estas áreas.
Con esta solución tecnolóxica dótase ao rural galego dunha infraestrutura preparada para os posibles aumentos de velocidade e calidade que se demanden no futuro, e para os novos servizos que xa aparecen no mercado como a sinatura dixital no móbil, a teleasistencia social e sanitaria, o pagamento a través de terminais móbil e servizos de seguridade.
Solución de futuro para zonas de orografía complexa
A tecnoloxía móbil 3G é a aposta tecnolóxica dos países máis avanzados para dar acceso a anchos de banda de media e alta capacidade en territorios orográficos complexos como o de Galicia. Para o seu despregamento, Telefónica contará tanto coas infraestruturas propias xa existentes coma coas da empresa pública Retegal que porá a disposición do operador a súa rede de telecomunicacións.
En conxunto, e ata o 2013, activaranse para esta tecnoloxía 929 estacións base. Destas, 719 son de Telefónica e as 210 restantes pertencen á rede de Retegal, que construirá 115 novas para facilitar o despregamento desta tecnoloxía no rural. Para dar unha idea do intenso ritmo de aplicación do plan cómpre destacar que só no que queda de 2011 se activarán 306 estacións base, o que sen dúbida se fará notar na cobertura de datos móbil no rural.
Proxecto Piloto en Santiago
No marco dos compromisos adquiridos na súa proposta para o Plan de Banda Larga, Telefónica ten previsto despregar a medio prazo unha rede LTE (Long Term Evolution) na zona céntrica de Santiago de Compostela convertendo á capital galega nunha das primeiras cidades de España con cobertura completa con esta tecnoloxía por parte deste operador. A rede LTE, tamén coñecida como 4ª xeración, é unha evolución da rede UMTS que permite alcanzar velocidades de descarga moi superiores, o que situará a Santiago na vangarda das tecnoloxías da información e a comunicación, o cal senta as bases para un maior crecemento económico e social.
O Plan pecha o ano con 421.000 galegos máis conectados
Desde mediados de 2010 e ata o día de hoxe o Plan facilitou a conexión máis de 321.000 persoas que carecían de cobertura e pechará 2011 posibilitando o acceso á Rede a máis de 421.000 galegos nesta situación. Deste xeito redúcese nun 53% a porcentaxe de persoas sen posibilidade de conexión a Internet na Comunidade.
O Plan permitirá que, xa este ano, a porcentaxe de galegos con posibilidade de conexión a Internet chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009. Cómpre recordar que, a principios de 2010 antes do comezo do Plan, había en Galicia 786.000 persoas sen acceso á Rede.
Colaboración entre a Administración e o sector privado
O obxectivo do Plan de Banda Larga é de dotar de cobertura ao 100% dos galegos en 2013. Coas actuacións postas en marcha ata agora, en colaboración cos operadores Telefónica, R e Iberbanda e o apoio do operador público Retegal, o Plan está a cumprir os obxectivos marcados estendendo o acceso a Internet no rural galego así como a implantación de Redes de Nova Xeración con velocidades de 100Mbps fóra das sete grandes cidades galegas. Coa actuación aprobada hoxe a Xunta está a investir 81 millóns de euros cos que mobilizará 247 millóns de euros entre capital público e privado.