A Xunta pon en marcha unha Comunidade Virtual de Aprendizaxe para os profesionais do eido xudicial
Esta plataforma é un punto de encontro online para a resolución de dúbidas e a compartición de coñecemento entre usuarios e formadores
Está supervisada por seis profesores especializados nas diferentes aplicacións informáticas implantadas no eido xudicial
Iranse incorporando novas funcionalidades como o espazo de aula aberta onde se realizarán titorías e actividades formativas a distancia
É unha actuación enmarcada na liña de formación do Plan Senda da que en 2012 se beneficiaron preto de 1.500 profesionais que participaron en 349 cursos
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de poñer en marcha unha plataforma web para mellorar a capacitación dos profesionais da Administración de Xustiza nas aplicacións informáticas do eido xudicial.
Trátase da Comunidade Virtual de Aprendizaxe, un espazo accesible a través da intranet de Xustiza, concibido como punto de encontro para resolución de dúbidas, a ampliación de coñecemento e o acceso sinxelo a toda información dos cursos e os materiais didácticos das aplicacións informáticas da Xustiza.
Esta ferramenta web está supervisada por seis profesores, especializados nas diferentes sistemas informáticos implantadas no eido xudicial, aos que os usuarios poden formular as súas dúbidas. Ademais, os profesionais que accedan a esta comunidade virtual poderán participar en foros nos que intercambiar información con usuarios do seu mesmo perfil.
A Comunidade Virtual de Aprendizaxe permite aos profesionais da Administración da Xustiza, o acceso rápido e sinxelo a contidos deseñados específicamente para resolver as preguntas máis habituais sobre as distintas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición.
Está previsto incorporar de xeito progresivo novas funcionalidades como un espazo de Aula aberta, no que se realizarán titorías e se impartirán cursos online.
Máis de 2.500 horas de formación en 2012
A entrada en funcionamento da Comunidade Virtual de Aprendizaxe enmárcase na liña de formación do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza. Os itinerarios formativos que se veñen impartindo desde 2010 grazas ao Plan son fundamentais para lograr a adaptación dos aos profesionais do eido xudicial aos novos sistemas de información e a implantación de novos avances tecnolóxicos.
No 2012, a Amtega impartiu un total de 2.589 horas de formación a diferentes colectivos xudiciais nas catro provincias galegas. Preto de 1.500 profesionais entre xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, profesionais do corpo de xestión, tramitación, auxiliares e persoal do IMELGA, participaron nos 349 cursos realizados.
No 2012 rematouse o itinerario formativo no sistema de xestión procesual Minerva Nox, no sistema de intercambio seguro de información Lexnet e no uso da videoconferencia. As novidades formativas do ano pasado estiveron asociadas a implantación de novas funcionalidades como a itineración de asuntos entre Minerva e Fortuny a través de Lexnet. Ademais impartíronse sesións de reforzo sobre o sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistema de xestión de Fiscalías, Fortuny.
Como complemento a estas actuacións lanzouse en colaboración coa EGAP un Plan de Formación sobre a Visión Xeral das TIC na Administración de xustiza co que se busca ofrecer aos empregados públicos un coñecemento xeral do estado do desenvolvemento das TIC no eido xudicial e e formación específica no seu ámbito de actuación.