A Xunta pon en marcha un sistema para reducir o custo dos trámites que cidadáns e empresas realizan coa administración

Venres 13 de Xaneiro de 2012

A Xunta pon en marcha un sistema para reducir o custo dos trámites que cidadáns e empresas realizan coa administración

Esixirase que sexa posible a presentación na sede electrónica de cada novo procedemento que creen os departamentos autonómicos, garantirase a simplificación na entrega da documentación esixida e cuantificarase o aforro

Estimase que a presentación electrónica de solicitudes para os procedementos administrativos ofrece ao solicitante un aforro de 75 euros, fronte á súa versión presencial

Prevese que no 2012 polo menos a presentación do 95% dos trámites se poida realizar de xeito telemático a través da sede electrónica

O novo sistema contribuirá a dinamizar a actividade empresarial na Comunidade, eliminando obstáculos e reducindo custos na súa xestión diaria

A Xunta porá en marcha un procedemento de medición de cargas administrativas de xeito que garanta a redución dos custos e a simplificación da documentación esixible a cidadáns empresas nos procedementos que teñen á súa disposición.

Así se recolle nun informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sobre a norma que regula habilitación dos procedementos administrativos e os servizos da Administración xeral e o sector público de Galicia. O obxectivo da norma, que se publicará proximamente no DOG, é potenciar o uso da sede electrónica, a actualización da Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede e garantir a simplificación e redución de trámites.

Cada vez que un departamento autonómico cree un novo procedemento esixirase que sexa posible a súa presentación a través da sede electrónica e realizarase unha medición das cargas administrativas inherentes ao procedemento para cuantificar o aforro en termos de tempo e custos para simplificar os trámites ao conxunto da cidadanía.

Prevese que no 2012 se poida realizar a presentación telemática a través da sede electrónica de polo menos o 95% dos trámites.

Con esta medida os cidadáns e empresas que o desexen poderán iniciar a súa tramitación desde os seus domicilios ou oficinas, sen necesidade de acudir aos rexistros autonómicos e co consecuente aforro de tempo e recursos.

Sede electrónica
A xestión dos procedementos administrativos e o acceso aos servizos recollidos na Guía de procedementos e servizos realizarase progresivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, posta en marcha o pasado mes de setembro, e calquera novo procedemento que xurda crearase xa para ser presentado de xeito electrónico.

Desde a súa posta en marcha incorporáronse á sede electrónica 193 procedementos e o Obxectivo da Xunta de Galicia comprometeuse a acadar no 2013 o 100% da tramitación on line dos procedementos administrativos e avanzar cara a unha política ‘cero papel’.

A potenciación da sede electrónica permitirá suprimir, de xeito gradual, o soporte papel e a necesidade de acudir as oficinas de rexistro da Xunta de Galicia para iniciar a tramitación de procedementos administrativos e servizos.

O obxectivo do Goberno galego é contribuír á dinamización da actividade empresarial na Comunidade, eliminando obstáculos na súa xestión diaria e mellorando a produtividade e competitividade dos principais sectores económicos.

Redución das cargas administrativas
Para a reducir as cargas administrativas o Executivo galego utilizará o método simplificado de medición de cargas administrativas consensuado entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, coñecido como ‘modelo de custos estándar’.

Esta medida permitirá cuantificar en euros o aforro que a supresión de cargas administrativas supón para as empresas e a cidadanía como consecuencia da implantación da Administración electrónica nas súas relacións coa Administración pública galega. Así, estímase que a presentación telemática de solicitudes para o procedemento administrativo ofrecería ao solicitante un aforro de 75 euros, fronte a súa versión presencial.

En definitiva, a iniciativa aprobada esta mañá no Consello está encamiñada á modernización, racionalización e simplificación dos procedementos administrativos e servizos; propicia a redución de trámites e cargas burocráticas; facilita a relación entre os cidadáns e a Administración, contribúe a reducir os custos administrativos das actividades empresariais e axuda a mellorar a competitividade das empresas e estimular o seu desenvolvemento.