A Xunta pon en marcha un programa de axudas para subvencionar o acceso a internet no fogar a arredor de 8.200 familias galegas no período 2011-2012

Mércores 19 de Xaneiro de 2011

A Xunta pon en marcha un programa de axudas para subvencionar o acceso a internet no fogar a arredor de 8.200 familias galegas no período 2011-2012

A Administración investirá 1,4 millóns de euros na execución destas axudas

Están dirixidas ás familias residentes en Galicia cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros

Concederase unha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión durante un ano cunha contía máxima de 180€

A alta de liña e unha cuota mensual será gratuítas para o cidadán

Os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica,  vai por en marcha un programa de axudas para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan acceder a Internet nos seus fogares.

A Administración autonómica destinará no período 2011-2012 un investimento de 1.470.460 para a execución destas axudas, das que se poderán beneficiar a arredor preto de 8.200, que por ter menos recursos non dispoñían de conexión a Internet no fogar. Así se recolle nun acordo aprobado hoxe no Consello da Xunta. 

Beneficiarios das axudas
Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.

Ademais, os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras.

Importe e tramitación das axudas
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cuota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

As operadoras de telecomunicación, acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras, serán as encargadas da tramitación das axudas. Para iso, a Xunta porá a súa disposición unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.

Superar a barreira económica
O elevado custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Este programa de axudas busca reducir as barreiras económicas de entrada ao uso da banda larga mediante apoios económicos de cara á contratación deste servizo para seguir axudando aos colectivos máis desfavorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información..

Xunto coa eliminación da barreira económica a  Xunta está a traballar na superación doutras dúas  barreiras: a das infraestruturas de Telecomunicación co Plan de Banda Larga co que xa se reduciu nun terzo a poboación sen acceso a Internet na Comunidade; e a da  formación, coa posta a disposición da cidadanía de instrumentos para o acceso as novas tecnoloxías como a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica.

Estas medidas intégranse nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a folla de ruta do Goberno galego en materia tecnolóxica para integrar as TIC na sociedade galega e eliminar a fenda dixital na Comunidade.