A Xunta pon en marcha un plan para dixitalizar o posto de traballo dos empregados públicos que permitirá un aforro anual de 1,2 millóns de euros
“Buscamos garantir que todos os profesionais da Administración dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e a prestación de servizos dixitais para cidadáns e empresas”, subliña o presidente da Xunta.
Feijóo salienta que o plan suporá a renovación do 25% do equipamento informático, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipamentos.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do Plan de dotación e xestión sostible do posto de traballo, unha iniciativa que se enmarca dentro da implantación da eAdministración e do obxectivo da Xunta de acadar unha xestión dixital de todo o ciclo de vida dos documentos e procedementos administrativos.
Nun primeiro termo, o responsable autonómico subliñou que este plan prevé a posta en marcha de medidas que van desde a formación en novas tecnoloxías na EGAP ata a dotación de medios TIC adaptados a novas necesidades. “Buscamos garantir que todos os empregados públicos dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e a prestación de servizos dixitais para cidadáns e empresas”, precisou.
Cun investimento inicial de 4,2 millóns de euros, Feijóo afirmou que este plan suporá renovar o equipamento de ordenadores, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipamentos, acadando un aforro para a Administración de 1,2 millóns de euros anuais, “ao que hai que sumar un aforro doutros 350.000 euros derivado da compra centralizada de equipamento”.
No eido do novo equipamento, o plan prevé a renovación inicial do 25% dos ordenadores da Administración autonómica –aproximadamente 3.200 ordenadores-: 2.000 son renovacións de ordenadores en edificios administrativos e aulas de centros de formación xestionados pola Xunta; outros 1.200 ordenadores para centros públicos da área de benestar; 300 equipos de escaneado nas oficinas de rexistro; implantación dunha rede de videoconferencias en 9 salóns principais nas delegacións da Xunta, outros 13 equipos para salas e 33 máis portátiles para usos múltiples.
No que se refire ao software, Feijóo afirmou que se iniciará o plan de migración a software libre en 500 postos de usuario e habilitarase un catálogo con software corporativo adaptado a cada posto de traballo, garantindo a sostenibilidade do modelo, a calidade no soporte aos usuarios e a súa xestión.
Por ultimo, o plan tamén prevé a implantación, “que xa comezamos”, dunha ferramenta de xestión integral dos postos de traballo, que permita a distribución masiva de software, o control remoto dos postos de traballo e dispoñer dun inventario automatizado.
“En definitiva, máis de 4 millóns de euros para buscar a transformación da Administración autonómica nunha Administración dixital”, incidiu Feijóo, a modo de resumo.
Feijóo lembrou que nestes anos tense logrado que 9.000 empregados públicos teñan xa sinatura dixital grazas ao programa Kronos; que cidadáns e empresas poidan tramitar telematicamente 700 procedementos administrativos; evitar presentar documentación en poder da Administración; iniciar a dixitalización dos rexistros; e poñer en marcha o Arquivo Dixital de Galicia e o sistema de notificacións electrónicas da Administración.