A Xunta pon en marcha o Plan director de Seguridade 2015-2020 para reforzar a protección dos sistemas TIC e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego da Administración electrónica

Xoves 25 de Xuño de 2015

A Xunta pon en marcha o Plan director de Seguridade 2015-2020 para reforzar a protección dos sistemas TIC e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego da Administración electrónica

Feijóo salienta que esta iniciativa busca o uso das novas tecnoloxías con confidencialidade, blindando a integridade e autenticidade da información e garantindo a súa dispoñibilidade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do Plan Director de Seguridade 2015-2020; un conxunto de medidas que buscan o uso das novas tecnoloxías con confidencialidade, blindando a integridade e autenticidade da información e garantindo a súa dispoñibilidade. “É dicir, un conxunto de medidas para minimizar o impacto de incidentes de seguridade, e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego deste tipo de servizos, especialmente no que ten que ver coa Administración electrónica”, explicou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que este plan nace despois dun traballo de coordinación interna, “xa que se aprobou no seo da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, un órgano que está integrado por todas as consellerías”; e de coordinación externa, “para que a nosa folla de ruta sexa coherente coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade aprobada en 2013 polo Goberno central”.

Neste contexto, o titular do Goberno galego precisou que esta iniciativa nace con catro principios claros: confidencialidade, de xeito que a información sexa accesible unicamente polas persoas autorizadas; integridade, para que a información xestionada sexa sempre completa e precisa; dispoñibilidade, é dicir, que estea garantida ao máximo posible a continuidade dos servizos e a súa recuperación inmediata ante posibles continxencias; e autenticidade, asegurando que a información se intercambia cos interlocutores adecuados e os servizos acreditados.

Para lograr garantir estes catro principios, o plan plantéxase dous instrumentos básicos: conseguir ser unha organización máis preventiva que reactiva, grazas a unha análise previa dos riscos e ao incremento de medidas de prevención; e, segundo, traballar na concienciación e na formación, tanto dos profesionais como dos usuarios.

Sobre este punto, Feijóo subliñou que esta iniciativa traza varios ámbitos de actuación, que implican a todos os organismos da Xunta, e que tamén serán referencia daquelas outras entidades públicas autonómicas que queiran empregala.

“Actuacións a nivel formativo, a través de cursos, campañas divulgativas e formación específica. E actuacións, tamén, a nivel normativo, e así nos próximos meses avanzaremos na adecuación completa da Lei Orgánica de Protección de Datos ao Esquema Nacional de Seguridade”, explicou, ao que engadiu que a nivel organizativo, o plan será supervisado pola Comisión de Seguridade e Goberno electrónico, como máximo órgano colexiado responsable das competencias nesta materia e a Subcomisión de Seguridade.

Sobre as medidas de protección, Feijóo destacou que, en canto ás infraestruturas, reforzaranse os sistemas de control de acceso e vixilancia. E, respecto aos sistemas TIC, ao longo de 2015 implantaranse novas plataformas especializadas na protección e prevención de ciberataques.

Así mesmo e, no medio prazo, abordaranse outras actuacións como a mellora de plataformas específicas de seguridade e a implantación doutras novas, a mellora na seguridade das redes sen fíos ou nos dispositivos móbiles corporativos.

“En definitiva, deseñamos os mecanismos e ferramentas de prevención, defensa e resposta necesarios para garantir a seguridade dos sistemas informáticos do sector público autonómico co dobre obxectivo de minimizar o impacto de incidentes de seguridade e incrementar a confianza dos cidadáns no emprego deste tipo de servizos”, concluíu Feijóo, a modo de resumo.