A Xunta pon en marcha o plan DigiTalent 2030 para eliminar a fenda dixital, reforzar as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento tecnolóxico

Domingo 05 de Febreiro de 2023

A Xunta pon en marcha o plan DigiTalent 2030 para eliminar a fenda dixital, reforzar as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento tecnolóxico

• O Plan Camiña en Dixital conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para impulsar a inclusión e a mellora das competencias dixitais de toda a sociedade galega
• Conta con tres eixos estratéxicos e nove medidas clave para todos os niveis de habilidades dixitais da poboación
• Entre os obxectivos para 2025 están acadar que o 70% da poboación conte con competencias dixitais, impartir 140.000 horas de formación na Rede CeMIT e superar os 128.000 usuarios
• Ademais, concederanse máis de 5.700 bonos dixitais para o acceso a internet a colectivos vulnerables
• O Plan aborda os retos aos que se enfronta Galicia, como o envellecemento, ou a pequena porcentaxe de galegos e galegas con estudos STEM


A Xunta pon en marcha o Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para promover ata nove medidas artelladas en tres eixes estratéxicos: eliminar a fenda dixital, promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia.

O plan marca unha serie de obxectivos intermedios para 2025 como que o 70% das persoas conten competencias dixitais básicas, das que cando menos o 50% serán mulleres. Están previstas máis de 60 actividades para a promoción do talento dixital e o fomento da presenza da muller en carreiras e profesións do ámbito tecnolóxico. Ademais, a Rede de Aulas CeMIT está en pleno proceso de transformación para proporcionar unha capacitación apoiada na dixitalización con tecnoloxía. A Rede prevé impartir 140.000 horas de formación dixital e acadar un total de 128.110 usuarios. Para facilitar o acceso a todas estas iniciativas, concederanse un total de 5.744 bonos dixitais para o acceso á conectividade de colectivos vulnerables ata o 2025.
 

Eliminar a fenda dixital

O primeiro eixe do plan oriéntase ao eliminar a fenda dixital en colectivos vulnerables, persoas maiores e cidadanía en xeral con iniciativas concretas para cada grupo.

Para a alfabetización dos colectivos vulnerables, desenvolverase un programa de inclusión dixital a través da Rede CeMiT, que está a abordar a modernización e transformación dos seus espazos. Ademais, porase en marcha un programa de bonos dixitais que faciliten ás persoas en situación de vulnerabilidade a contratación de internet ou un maior ancho de banda.

Para a inclusión dixital dos maiores o plan contempla dúas actuacións, un programa de concienciación sobre uso de servizos dixitais e ciberseguridade; e outro destinado a mellorar as súas competencias dixitais, acompañándoos no uso de dispositivos e aplicacións.

A cidadanía en xeral poderá beneficiarse da formación dixital a través do Certificado Galego de Competencias Dixitais, que ofrece capacitación e a acreditación oficial das habilidades dixitais en diferentes niveis.

 

Promover as competencias dixitais dos profesionais

O segundo eixo do plan busca a adquisición, reforzo e actualización das competencias dixitais de todos os profesionaispara facilitar unha adaptación proactiva e áxil ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis tecnolóxico.

Este obxectivo vehicularase a través de tres iniciativas, as medidas do Plan Reacciona TIC para a favorecer a transformación dixital das pemes; o Plan de Capacitación do Empregado Público e o Marco Galego de Competencias Dixitais, tanto para os traballadores do sector público como para a cidadanía en xeral.

 

Impulsar as vocacións e o talento dixital

No terceiro eixo do Plan abordarase o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas e o talento dixital avanzado.

Para avanzar neste camiño o plan prevé medidas específicas para fomentar o interese nos estudos STEAM dos máis cativos a través de talleres, encontros e actividades lúdicas, así como campamentos dixitais e Espazos Maker no GaiásTech e a Rede CeMIT dotados con equipamento tecnolóxico interactivo, impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de robótica e programación.

Ademais, continuarase co Programa GirlSteam para reducir a fenda de xénero na contorna tecnolóxica e crearanse espazos de coworking e webinars sobre tecnoloxías disruptivas para profesionais.

 

A inclusión, capacitación e o talento, un compromiso compartido

DigiTalent 2030: Camiña en dixital nace con vocación de ser un instrumento vivo e flexible, conectado á evolución dos desafíos da sociedade galega e ao servizo das necesidades da comunidade.

Para dar cumprimento aos seus obxectivos, o plan incorpora un modelo de colaboración reforzado cos axentes do ecosistema dixital galego que contará coa colaboración das entidades locais, as asociacións e colexios profesionais do eido tecnolóxico da rexión, as universidades, as entidades do Pacto Dixital de Galicia e as empresas do terceiro sector, así como da Rede CeMIT e os voluntarios dixitais.

DigiTalent 2030: Camiña en Dixital fusiona o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e o Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico e toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de acadar unha sociedade máis autónoma dixitalmente, que non deixe a ninguén atrás.