A Xunta pon en marcha o mapa TIC, un punto de encontro virtual entre os provedores e os demandantes de tecnoloxía

Venres 20 de Xaneiro de 2012

A Xunta pon en marcha o mapa TIC, un punto de encontro virtual entre os provedores e os demandantes de tecnoloxía

O Centro de mostrador TIC conta desde hoxe coa plataforma web http://cdtic.xunta.es/mapatic/, que ofrecerá un directorio categorizado de empresas, produtos e servizos tecnolóxicos

O MapaTIC permitirá ás empresas de todos os sectores produtivos visualizar as solucións máis innovadoras para a súa área de actividade

As empresas TIC atoparán no mapa un escaparate virtual onde darlle visibilidade s súas capacidades, produtos e servizos así como o contacto con potenciais demandantes das súas solucións

O Centro ofrecerá este ano novos servizos como Seminarios prácticos e presenciais para profesionais das TIC e doutros sectores produtivos

Desde a súa inauguración en xullo un total de 17 empresas da Comunidade empregaron o CDTIC para dar a coñecer 19 aplicacións e servizos tecnolóxicos

O 84% das empresas que participaron nas sesións demostradoras situaron o seu grao de satisfacción entre alto e moi alto

O Centro Demostrador TIC conta desde hoxe cunha ferramenta de referencia para o seu funcionamento: o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia. O MapaTIC.gal é unha plataforma web que servirá de punto de encontro virtual entre as empresas TIC e as empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas.

Desde hoxe provedores e demandantes de tecnoloxía poden rexistrarse no espazohttp://cdtic.xunta.es/mapatic/, que se irá consolidando como un directorio completo e categorizado de provedores, produtos e servizos tecnolóxicos galegos.

O MapaTIC.gal diríxese ás máis de 196.000 empresas de diferentes sectores produtivos, máis de 222.000 autónomos, ás 9 cámaras de comercio, 110 parques e 19 clusters empresariais de Galicia. No caso do sector TIC dará servizo a máis de 1.800 empresas tecnolóxicas, a máis de 2.260 empresas do hipersector TIC, ao Clúster TIC, ás cinco asociacións empresariais TIC galegas e a máis de 500 axentes de I+D+i.

O Mapa foi presentado esta mañá no CDTIC, pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, que ademais, avanzaron as liñas de acción de 2012 e fixeron un balance das accións desenvolvidas en 2011.

Acceso e estrutura 
O mapa está estruturado en dúas áreas, unha de acceso público e outra accesible baixo clave de acceso. Na primeira calquera usuario, empresario, profesional ou entidade poden acceder para localizar provedores e solucións tecnolóxicas, a través de criterios de busca por múltiples ámbitos e categorías.

Aqueles provedores de tecnoloxía interesados en visualizar os seus produtos e servizos no MapaTIC.gal poden rexistrarse introducindo os seus datos de contacto, así como descricións detalladas dos seus produtos, servizos e casos prácticos de proxectos realizados.

Pola súa banda, os usuarios demandantes de tecnoloxía que se rexistren no MapaTIC.gal accederán á información personalizada dos provedores e produtos que mellor se adapten á súa estrutura e sector produtivo.

Unha vez rexistrados, os usuarios disporán das claves de acceso á área restrinxida, onde poderán modificar e actualizar os seus datos cando e onde queiran, así como acceder a outros servizos do MapaTIC.gal.

Beneficios
Darse de alta no MapaTIC.gal permitiralle ás empresas demandantes de tecnoloxía participar activamente no escenario da oferta e a demanda tecnolóxica de Galicia, publicando necesidades tecnolóxicas non cubertas pola oferta actual. Deste xeito, poden entrar en contacto con provedores TIC galegos interesados en desenvolver novos produtos que se adapten ás súas necesidades concretas.

A través do MapaTIC.gal, os demandantes tamén poden visualizar as solucións máis innovadoras para o seu sector de actividade e cal é o grao de implantación, así como casos prácticos das mesmas. Tamén poden comparar as solucións tecnolóxicas, prezos, utilidades existentes para o seu negocio, ... Por último, o MapaTIC.gal contribúe a mellorar a comprensión e coñecemento relativos as novas tecnoloxías, a través dun glosario tecnolóxico, cunha linguaxe sinxela e un enfoque práctico.

No caso dos provedores tecnolóxicos, o MapaTIC proporciónalles escaparate virtual para darlle visibilidade ás súas capacidades, produtos e servizos así como o contacto con potenciais demandantes das súas solucións. Por iso, o Mapa proporciona un escenario para crear oportunidades de negocio TIC local e fomenta a cooperación intersectorial de cara a mellorar a competitividade do sector tecnolóxico galego.

Liñas de acción 2012
Ademais da posta en marcha do MapaTIC.gal, o Centro Demostrador ofrecerá durante 2012 novos servizos como a formación tecnolóxica a través de seminarios prácticos presenciais destinados a profesionais, tanto do sector TIC como do resto dos sectores produtivos. O obxectivo é achegar a ambos colectivos as últimas tendencias, desde unha perspectiva no só tecnolóxica se non tamén de negocio, complementando así a formación técnica de alto nivel que xa se está a impartir no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Outra das novidades será a posta en marcha, en colaboración con red.es, dun Plan de Incentivos, cuxo obxectivo é premiar aos profesionais que asisten as actividades desenvolvidas no CDTIC co acceso a teleformación punteira sobre novas tecnoloxías. A previsión e desenvolver máis de 2.000 horas formativas online.

Por outra banda, este ano o CDTIC seguirá a traballar na promoción e sensibilización para fomentar a aplicación das TIC aos procesos produtivos a través das máis de 40 demostracións e charlas previstas coas últimas novidades en materia TIC.

O CDTIC segue a facilitar, de balde, a súas instalacións e o seu equipamento punteiro a todos os axentes (empresas, asociacións, … ) que precisen dun espazo para desenvolver, demostracións de solucións tecnolóxicas ou actuacións orientadas á divulgación das novas tecnoloxías aplicadas á empresa. Así é como o Centro se está a converter nun escaparate físico e virtual para máis de 2.200 provedores tecnolóxicos.

Balance 2011
Desde a posta en marcha do Centro Demostrador TIC no mes de xullo, un total de 17 empresas TIC galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no centro e máis de 200 profesionais participaron nas súas actividades e se achegaron coñecer as súas instalacións.

En total foron 19 as solucións tecnolóxicas presentadas no CDTIC nos últimos seis meses, o que pon de manifesto o esforzo e a potencialidade das empresas TIC da Comunidade. A valoración que estas fixeron do centro tras a súa participación como entidades demostradoras foi moi positiva: un 37% das empresas expresaron un grao de satisfacción moi alto e un 47% alto.

O 11% das empresas asistentes pertencen ao sector TIC, pero tamén estiveron representados outros sectores como o da administración pública (7%), o sanitario (3%), o audiovisual (4%), o da metalurxia (3%) e o de transporte e loxística (2%).

Escaparate Tecnolóxico de Galicia
O CDTIC, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.