A Xunta pon en marcha o Dicionario xurídico en liña para todos os profesionais das administracións públicas galegas

Venres 22 de Febreiro de 2013

A Xunta pon en marcha o Dicionario xurídico en liña para todos os profesionais das administracións públicas galegas

A ferramenta, dispoñible en papel desde finais de 2011, poderá ser consultada en liña polos empregados públicos da Administración xeral, da Xustiza, do Servizo Galego de Saúde e dos concellos galegos

Recolle unha primeira e fundamental escolma de arredor de 2.000 entradas nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito

Súmase ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a pór a disposición dos traballadores públicos e da cidadanía nos últimos anos, como o corrector Galgo 2.0, o bUSCatermos, ou o Dicionario de pronuncia da lingua galega

Os 90.000 empregados públicos da Administración autonómica e os traballadores dos concellos galegos teñen desde hoxe acceso ao Dicionario xurídico galego en liña. Esta ferramenta, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, a Consellería de Cultura e Educación e mais Edicións Xerais, contribuirá á normalización da lingua propia de Galicia no ámbito xurídico-administrativo.

Logo da súa publicación en papel, a finais de 2011, cúmprese agora co compromiso de ofrecer unha versión en liña do Dicionario, que recolle unha primeira e fundamental escolma de arredor de 2.000 entradas nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia.

Así o explicaban esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. No acto tamén estiveron presentes o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Un idioma útil nos múltiples e complexos ámbitos da vida moderna

Segundo o conselleiro de Cultura e Educación, a nova achega constitúe unha “manifestación clara da firme vontade do Goberno galego de apoiar que a lingua galega e a sociedade que a falan siga gañando protagonismo no ámbito das tecnoloxías” e tamén un reforzo á propia lingua como “idioma útil nos múltiples e complexos ámbitos da vida moderna”.

Vázquez Abad sinalou que o Dicionario xurídico en liña materializa as directrices do Plan Xeral de Normalización Lingüística, nomeadamente aquelas dirixidas a “potenciar as tecnoloxías en lingua galega e pór ao alcance dos sectores profesionais os medios formativos, didácticos, técnicos, lingüísticos e terminolóxicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego nas súas actividades profesionais”.

Un novo servizo no catálogo de recursos lingüísticos

A directora da Amtega destacou que coa posta en marcha desta ferramenta a Administración autonómica avanza en tres liñas: á contribución do uso correcto do galego no traballo diario dos empregados públicos, á normalización do noso idioma no eido xudicial e á implementación de recursos compartidos entre administracións grazas á tecnoloxía.

Mar Pereira sinalou que o Dicionario xurídico en liña se suma ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a por a disposición dos empregados públicos e da cidadanía nos últimos anos como o corrector Galgo 2.0, o bUSCatermos, o dicionario Digalego, o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña ou o acceso á Enciclopedia Galega Universal.

O Dicionario xurídico galego

A publicación do Dicionario foi posible grazas á contribución de máis de 130 profesionais do ámbito da xustiza –tanto de Galicia como de fóra comunidade autónoma–, baixo a dirección dos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A publicación transcende os canons que a lexicografía establece para os chamados dicionarios descritivos temáticos ou profesionais. Polas súas características, constitúe un dicionario de tipoloxía enciclopédica no que, con absoluto rigor científico, e tamén con inmenso coidado, se aborda o complexo universo xurídico galego.