A Xunta pon en marcha Mobem, unha aplicación nova para o móbil que permitirá ao cidadán facer xestións co Servizo Público de Emprego

Luns 08 de Xullo de 2013

A Xunta pon en marcha Mobem, unha aplicación nova para o móbil que permitirá ao cidadán facer xestións co Servizo Público de Emprego

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentaron hoxe en Santiago esta nova ferramenta

Unha das principais vantaxes de Mobem é que ofrecerá aos usuarios a posibilidade de renovar a súa demanda de emprego desde o móbil

Os galegos poderán consultar en tempo real si se atopan seleccionados para unha oferta laboral ou para un curso de formación

Mato destacou que esta iniciativa forma parte do Plan integral de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) que desenvolve a Xunta desde 2009 e que na pasada lexislatura supuxo un investimento de 24 millóns de euros

Pereira afirmou que é a primeira ferramenta que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios no espazo ‘Xunta’, onde se publicarán todas as aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles

Mobem é a primeira aplicación de Galicia que permitirá á cidadanía facer diferentes xestións co Servizo Público de Emprego desde o móbil. A Xunta vén de poñer en marcha esta nova ferramenta que, ademais, é pioneira na Comunidade autónoma, xa que en todo o territorio nacional só o País Vasco dispón dun instrumento semellante. Ademais, Mobem constitúe a primeira aplicación que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios no espazo ‘Xunta’, onde se publicarán o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles.

Así o destacaron hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na presentación en Santiago desta nova iniciativa do Goberno galego na que se investiron 40.000 euros.

Mato destacou que esta aplicación ofrecerá aos cidadáns diferentes vantaxes como é a posibilidade de que poidan renovar a súa demanda de emprego desde móbil. Ademais, e, entre outras actuacións, os galegos poderán consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; ou se, por exemplo, se atopan entre os candidatos dunha oferta laboral. “Mobem posibilitará de forma sinxela, práctica e non presencial realizar aquelas xestións que non requiran a atención personalizada dun profesional do SPEG”, apuntou a conselleira.

Mobem está dispoñible para sistemas operativos IOS (equipos Apple), Android, RIM (Blackberry) e WindowsPhone.

 

 A iniciativa galega cobre catro plataformas distintas e, por tanto, preto do 100% dos sistemas operativos de smartphones existentes no mercado español e, polo tanto, en Galicia.

Modernización do SPEG 
Esta actuación forma parte do Plan integral de modernización do SPEG que a Consellería de Traballo e Benestar está a realizar desde o 2009 e que supuxo na pasada lexislatura un investimento de 24 millóns de euros. Mato destacou, entre as diversas iniciativas postas en marcha a través deste Plan, a posta en marcha da oficina virtual, que se calcula que aforra 3 millóns de quilómetros anuais en desprazamentos aos galegos, xa que é unha ferramenta que complementa o despregamento de puntos de información ao longo do territorio galego.

A titular de Traballo afirmou que a Xunta, así mesmo, apostou pola sostibilidade do SPEG, tanto a nivel económico como medioambiental e, por iso, lembrou que con este cambio da infraestrutura informática, adquiríronse 84 servidores e 660 clientes lixeiros. Esta actuación acadou reducir nun 95% o consumo eléctrico e nun 96% a emisión e CO2 con respecto aos equipos anteriores. “Segundo os nosos cálculos, estes equipos van aforrar un mínimo de 500.000 euros en cinco anos, indicou Mato.

Outras das actuacións levadas a cabo a través do Plan de modernización do SPEG foi a adecuación dos locais das oficinas de emprego as novos tempos, facéndoas máis accesibles e funcionais e contribuíndo a súa eficiencia. Ata o de agora melloráronse 14 oficinas para o  que se destinaron máis de 3 millóns de euros.

Mato tamén fixo referencia aos centros de apoio ao empregador que se puxeron por primeira vez en marcha en Galicia, nas cidades de Vigo e A Coruña, e á formación do persoal das oficinas de emprego que desenvolveu a Consellería. Por iso, apuntou que o departamento autonómico realizou varias convocatorias de cursos de cualificación específica para o persoal do SPEG, nas que participaron 1.200 alumnos e no primeiro semestre de 2013 impartíronse accións formativas de orientación e información aos usuarios, nas que tomaron parte 300 traballadores da Consellería de Traballo.

Por último, a conselleira resaltou que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas sinalou o portal de emprego de Galicia como “o máis accesible de todas as comunidades de España". En definitiva, Mato afirmou que a posta en marcha hoxe de Mobem e o resto de actuacións levadas a cabo para modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia demostra que a Xunta está a poñer en marcha “un servizo que traballa por e para os cidadáns, que se adapta aos novos tempos e que é cada vez máis próximo e eficiente.

Pola súa banda, Pereira indicou que Mobem tamén se enmarca no Plan de Modernización da Administración Autonómica para achegar os servizos públicos aos cidadáns e acadar “unha verdadeira administración electrónica aberta as 24 horas do día os 365 días do ano” Lembrou, neste senso, que a día de hoxe os trámites que se poden realizar de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta superan os 500.

A directora da Amtega tamén expuxo que segundo os últimos datos do Observatorio para Sociedade e Información de Galicia de 2012, Galicia supera a media estatal e europea en interacción coas Administracións públicas a través de Internet.