A Xunta pon a disposición das empresas e dos cidadáns un programa gratuíto para asinar dixitalmente documentos
A Consellería de Facenda, a través do CIXTEC, facilita unha ferramenta bilingüe, segura, sinxela e intuitiva
Aporta facilidades para os trámites de factura e licitación electrónicas
Supón un paso máis na estratexia do Goberno galego de acadar unha Administración austera, eficiente e cercana ao cidadán
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, anunciou onte que a Xunta de Galicia pon a disposición das empresas e dos cidadáns un programa para que poidan asinar de forma dixital documentos electrónicos. O programa pode descargarse gratuitamente dende a páxina web da Consellería de Facenda www.conselleriadefacenda.es dentro do apartado de descargas.
Fernández Currás explicou que o seu departamento é consciente da dificultade que supón para as pequenas e medianas empresas, así como para os cidadáns, o acceso ás tecnoloxías de sinatura electrónica, polo que o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) o facilita, cun programa de balde.
Esta ferramenta, que se pode usar tanto en galego como en castelán, supón unha versión mellorada e máis versátil que a xa existente, xa que permite asinar dixitalmente a maioría dos tipos de arquivos electrónicos e é tamén conta cunha ergonomía máis sinxela e intuitiva.
O novo programa facilita asinar de forma electrónica calquera documento que se presente ante a Administración e aqueles outros que poidan intercambiarse nas relacións entre as propias empresas. Igualmente permite enviar a través de correo electrónico os arquivos unha vez que se asinan de maneira electrónica.
Entre as posibilidades que aporta, están a presentación por parte de empresas e particulares de documentación perfectamente asinada con medios dixitais; asinar dixitalmente documentos e arquivos de calquera extensión; verificar documentos asinados de maneira dixital, a súa validez e integridade; así como visualizar os documentos pendentes e asinados de xeito cómodo e rápido para unha correcta xestión do portafolio persoal.
Facilidades para a factura e a licitación electrónicas
A nova aplicación permite, por exemplo, asinar dixitalmente facturas electrónicas e aqueles documentos que no seu caso as empresas teñan que enviar acompañando a estas. Desta maneira, non será necesario enviar as facturas electrónicas por unha vía e outros documentos que precisen sinatura electrónica, como é o caso das certificacións de obra, por outro.
Igualmente facilitará a sinatura dixital das ofertas que as empresas presenten a concursos públicos a través do Sistema de Licitación Electrónica (SILEX) e toda aquela outra documentación que se presente en formato electrónico.
Por tanto, esta nova ferramenta permite asinar de maneira dixital documentos electrónicos de todo tipo e facilita a extensión da sinatura electrónica, unha tecnoloxía cada vez máis necesaria para realizar transaccións co administración así como entre empresas e cidadáns en xeral, realizando estes trámites con absoluta seguridade tanto técnica como xurídica.
A conselleira de Facenda resaltou que este programa gratuíto supón un paso máis na Administración electrónica, logo da posta en marcha da factura e da licitación electrónicas, do pago telemático e do Portal de Contratación; así como na estratexia da Xunta de Galicia de acadar unha Administración austera, áxil e cercana ao cidadán, un dos cinco eixos que prevé o Plan Estratéxico 2010-2014-Horizonte 2020.