A Xunta pon á disposción das entidades locais, das universidades, das Deputacións provinciais e doutros organismos autonómicos o servizo de certificacion e sinatura dixital

Venres 24 de Setembro de 2010

A Xunta pon á disposción das entidades locais, das universidades, das Deputacións provinciais e doutros organismos autonómicos o servizo de certificacion e sinatura dixital

A centralización do custo desta actuación, asumido pola Secretaría Xeral de Modernización permite un aforro do 30% ás administracións públicas galegas

Todos os concellos galegos e as entidades autonómicas e provinciais terán a acceso á tecnoloxía necesaria para desenvolver a certificación dixital nos seus trámites administrativos sen custe algún

Con esta medida facilítase a tódolos organismos públicos galegos o cumprimento do esixido na lei 11/2007 e incorpóranse á Administración os certificados de profesional, de sede e de selo electrónicos

A Xunta avanza no seu proxecto prioritario de implantación da Administración electrónica tanto a nivel autonómico como provincial e local

Todos os concellos galegos, as deputacións provinciais, as tres universidades galegas, o Consello de Contas, o Valedor do Pobo e o Parlamento galego poderán adherirse de xeito gratuíto ao servizo de certificación dixital, que pon en marcha a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, o que lles permitirá aforrar custos para avanzar na implantación da Administración electrónica.

O departamento autonómico vén de adxudicar á Fabrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT) o servizo de certificación dixital que posibilitará a adaptación da Administración autonómica aos requirimentos da Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e ofrecerá ás entidades públicas galegas este servizo de balde. O orzamento destinado a esta actuación é de 955.000 euros para un período de dous anos. A centralización deste custo, asumido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, supón un aforro do 30% para todas as administracións públicas galegas fronte á contratación individual que terían que realizar cada unha destas entidades públicas se tiveran que solicitar este servizo pola súa conta.

Incorporación de novos certificados dixitais
O servizo que proporcionará a FNMT permitirá á incorporación de certificados dixitais non dispoñibles ata agora e a continuación doutros que xa se estaban a empregar na Xunta e que agora estarán tamén dispoñibles para o resto das entidades públicas galegas.

Unha das novidades é o certificado de empregado público que garante que a sinatura do funcionario que a realiza é realmente dun profesional da administración que emite o documento. O certificado de sede electrónica, que tampouco estaba dispoñible, avala a oficialidade das webs pertencentes aos organismos oficiais que ofrecen servizos electrónicos. A terceira incorporación á certificación dixital é o selo electrónico, equivalente a o selo en papel e que acredita que o documento está a ser asinado polo departamento administrativo correspondente. Por último, o selo de tempo é a outra ferramenta certificadora novidosa que imposibilitará a falsificación da data na que se asina o documento.

Outros servizos
A FNMT ofrecerá tamén dous tipos de certificado de uso interno o certificado de servidor, que permite asegurar que o usuario está a traballar nun servidor da administración e non foi redirecionado a ningún outro; e a sinatura de código, que garante que as aplicacións informáticas empregadas no ámbito da administración están desenvolvidas ben por esta ou por unha empresa autorizada.

Compromiso coa administración electrónica
Con iniciativas como esta a Xunta está a cumprir os requirimentos que establece a lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que obriga ás administracións a favorecer relacións seguras e accesibles cos cidadáns. Para garantir a identidade e a confidencialidade dos trámites e documentos realizados entre os cidadáns e as administracións

Desde a Xunta se entende a Administración Electrónica como unha actuación orientada a ofrecer a cidadáns e empresas uns servizos públicos máis eficientes e máis próximos utilizando as novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións e mellorar a propia xestión interna da Xunta de Galicia. Con esta finalidade puxéronse en marcha accións como o Plan de Modernización da Administración Pública da Xunta de Galicia, dotado con 26 millóns de euros ata o 2013 e actuacións definidas como o Plan eConcellos, que cun orzamento de 9,1 millóns de euros ata o ano 2013, ten como obxectivo desenvolver a administración electrónica nas entidades locais e garantir uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns.