A Xunta pilotará un sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo no litoral galego
O proxecto Videoguard está a ser desenvolvido por un consorcio de empresas TIC, integrado por Coremain, o operador público de telecomunicacións Retegal, Bastet Ingeniería, TRC e o Centro Tecnolóxico Gradiant
Trátase dunha plataforma de análise de vídeo intelixente especialmente adaptada para ámbitos marítimos e para a súa aplicación na vixilancia costeira
Estará operativa no mes de xuño e probarase a súa viabilidade ata finais de ano para un posible despregamento por toda a costa galega, aproveitando as infraestruturas de Retegal
Conta cun investimento de 1,8 millón de euros financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI
No primeiro semestre do ano arrancará en dous municipios costeiros do litoral galego a pilotaxe do proxecto Videoguard, un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos. O período de probas estenderase ata finais de ano e servirá á Xunta para valorar a viabilidade de implantar o sistema na costa galega, aproveitando as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O Proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Ingeniería, TRC, Retegal e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.
Así o explicaron esta mañá a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, a directora da Amtega, Mar Pereira, o director xerente de Retegal, Jose Ángel Abeal, e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, durante a presentación do proxecto no porto de Vilagarcía. No acto participaron tamén os representantes do consorcio empresarial.
Funcionalidades do sistema
O sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario diurno ou nocturno. A plataforma de Videoguard está deseñada para dous posibles escenarios: un de curta distancia con estacións de videovixilancia situadas a menos medio quilómetro das embarcacións ou persoasque se van monitorizar; e un escenario experimental a unha distancia de entre 5 e 10 Km da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal.
En ambos os casos o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
O proxecto garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións. Deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata. Esta ocultación será reversible, e pode recuperarse a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia.
Impulso do sector TIC
A Administración autonómica ten entre os obxectivos da Axenda Dixital 2014.gal a modernización dos principais sectores produtivos e estratéxicos de Galicia coa tecnoloxía como elemento clave. Neste contexto, a Xunta trasladou ao sector tecnolóxico a necesidade de crear solucións específicas para a prevención da pesca e o marisqueo furtivos. Así xorde a posta en marcha do proxecto Videoguard, que busca dar resposta a esta problemática ao tempo que potencia a creación de solucións tecnolóxicas que as empresas que as desenvolven poderán promover.