A Xunta participa na exposición `Movemento Avanza´ na Coruña cun stand que pretende achegar as TIC á sociedade galega
O stand ofrece material audiovisual, ordenadores con acceso a internet, e un lector de pegadas dactilares e DNI electrónicos. Acollerá diferentes xornadas de formación, obradoiros e conferencias, como un curso sobre o uso seguro de internet pola infancia, previsto para hoxe. A participación do Goberno galego neste evento encádrase dentro do plan de acción para o desenvolvemento da Sociedade da Información que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, participa na exposición tecnolóxica Movemento Avanza cun stand que pretende achegar as TIC á cidadanía galega. O posto da Secretaría Xeral de Modernización inclúe ordenadores con acceso a internet, un punto de información que tamén dispón dun lector de pegadas dactilares e de DNI electrónico, ademais de diferentes materiais audiovisuais. O stand conta tamén cun apartado dedicado a Televisión Dixital Terrestre (TDT) no que a Xunta de Galicia divulga información sobre a situación e o futuro deste servizo en Galicia.
O Goberno galego está a desenvolver, no marco desta exposición, diferentes xornadas de formación, obradoiros, conferencias e outras actividades. Hoxe, no stand da Xunta preséntase a Plataforma Tecnolóxica e Desenvolvemento do Proxecto Diccionario Enciclopédico das TIC, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia. Ademais, os asistentes poderán participar no obradoiro sobre sistemas de uso seguro da internet na infancia. Estas dúas iniciativas son resultado da colaboración entre a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións e a administración autonómica.
Desde a apertura da exposición, o stand da Secretaría Xeral acolleu outras actividades como a conferencia Memoria de muller; unha páxina web, iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Xunta, na que se recollen videomontaxes elaboradas integramente por mulleres maiores de 50 anos, nas que estas relatan diversas vivencias propias. Este proxecto ten como obxecto propiciar un achegamento das mulleres participantes ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información e mostrarlles a súa utilidade, reducindo deste xeito a fenda dixital que se fai máis evidente neste colectivo.
O stand da Secretaría Xeral acolleu, tamén, un obradoiro organizado coa intención de ensinar a todos os presentes as ferramentas de Google na rede como Google calendar, Google docs ou a webmail; e unha xornada de formación sobre a Enciclopedia virtual Wikipedia, ou sobre os recursos na rede para as pemes.
Aqueles que se acheguen a esta exposición, que permanecerá aberta ata o 29 de novembro, poderán atoparse con outras actividades tales como Dobra TDT con Disney con información sobre as canles, programación e historia da Televisión Dixital Terrestre; As caras da túa cidade, que achegará aos cidadáns as vantaxes e usos da fotografía dixital; e unha zona de xogos coa Wii Fit, cunha actividade denominada Ponte en forma co Plan Avanza e a Wii Fit.
Ofrecerase, ademais, información sobre os préstamos Avanza, que permiten á cidadanía adquirir equipamento tecnolóxico ao 0% de xuro.
A participación da Xunta de Galicia neste evento encádrase dentro do plan de acción que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización para o desenvolvemento da Sociedade da Información. O obxectivo da mostra é que todos os cidadáns que se acheguen ata Palexco visiten a exposición e aprendan como poden mellorar a súa vida grazas ás TIC. A entrada e a participación en todas as actividades é totalmente gratuíta.