A Xunta organiza un ciclo de xornadas técnicas para achegarlles ás pemes os servizos de competitividade do programa ReAcciona TIC
O Igape e a Amtega organizan conxuntamente os encontros informativos que se desenvolverán, entre o 15 e o 24 de novembro, nas cidades de Santiago, Ourense, A Coruña, Lugo e Vigo para informar sobre as vantaxes dos servizos deste programa para enfrontar os retos da transformación dixital e a Industria 4.0
O ReAcciona TIC está destinado a facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade
A primeira convocatoria está aberta á presentación de solicitudes, a través da web do Igape, e irá seguida doutras tres no próximo mes de decembro e en xaneiro e marzo de 2017
As pemes poderán acceder a servizos de asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión, marketing dixital, automatización ou sustentabilidade dos contornos produtivos
Co obxectivo de informarlles ás empresas galegas sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a Industria 4.0, a Xunta organiza un ciclo de xornadas técnicas sobre o programa ReAcciona TIC, que vén de ser activado e que está destinado a facilitarlles ás pemes beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade.
En sesións que comezarán sempre ás 19 horas, e contando coa participación de empresas que destacan na aplicación das tecnoloxías que promove este programa pioneiro impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega, as xornadas técnicas do programa Reacciona TIC desenvolveranse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o próximo martes, 15 de novembro; en La Molinera, Ourense, o día 17; na sede da CEC, na Coruña, o día 22; no Cei Nodus de Lugo, o 23 de novembro; e na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, o 24 deste mes.
O DOG publicou o pasado 26 de outubro as bases reguladoras do Reacciona TIC, coas axudas para desenvolver un amplo catálogo de servizos e así facilitar o impulso da empresa dixital e da incorporación de solucións propias da Industria 4.0 nas pemes galegas.
Así, desde o 31 de outubro, e durante un mes, está aberta a primeira convocatoria do programa, que irá seguida de sucesivas convocatorias en decembro deste ano e en xaneiro e marzo de 2017, co obxectivo de facilitar servizos de modernización e innovación para incrementar a competitividade e a produtividade. As solicitudes presentaranse de forma telemática na web do Igape, e os servizos seranlles facilitados ás pemes beneficiarias por axentes colaboradores especializados.
Empresa dixital
No ámbito da empresa dixital, o programa ReAcciona TIC facilitará a prestación de servizos avanzados orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa. As pemes beneficiarias poderán acceder igualmente a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de marketing dixital que permitan optimizar a presenza en internet da empresa.
Industria 4.0
No marco do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o catálogo contempla servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Deste xeito, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos.
Convenio Amtega-Igape
Ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Amtega e o Igape, a Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia a través da convocatoria de servizos avanzados para impulsar á empresa dixital e á Industria 4.0 que se explicarán polo miúdo no ciclo de xornadas técnicas que comezará o próximo día 15 en Santiago.
O ReAcciona TIC reforza a aposta da Xunta pola incorporación das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da comunidade, contando cun orzamento público conxunto de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017. O catálogo de servizos do Reacciona TIC está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.
Esta actuación enmárcase no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade; e converxe igualmente co establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a aceleración da economía dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na comunidade.