A Xunta mobilizou preto de 900 millóns euros no período 2009-2012 para reducir a fenda dixital, avanzar na modernización dos servizos públicos e impulsar o sector TIC
O Plan de Banda Larga facilitou o acceso a internet a 655.000 galegos dos 786.000 que carecían deste servizo
Incrementáronse en más do dobre os procedementos que cidadáns e empresas poden tramitar telemáticamente na sede electrónica da Xunta, superando os 500
Máis de 6.000 empregados públicos están acreditados dixitalmente e, só no 2012, asináronse electrónicamente 67.000 documentos na Administración autonómica
Galicia conta con preto de 2.000 aulas dixitais das que se benefician máis de 40.000 alumnos, grazas ao Proxecto Abalar
Todos os órganos xudiciais galegos contan co sistema de notificación telemática Lexnet e ampliouse a rede de videoconferencias, que permitiu aforrar máis de 260.000 euros en desprazamentos en 2012
A implantación da e-receita en 2009 permitiu diminuír en tres millóns as consultas médicas anuais nos centros de saúde
Mobilizáronse 280 millóns de euros na subvención de máis de 1.600 proxectos tecnolóxicos na Comunidade
A Xunta de Galicia mobilizou un investimento de 893 millóns de euros durante o período 2009-2012 no desenvolvemento das liñas de acción establecidas na Axenda Dixital 2014.gal. Este orzamento, que inclúe capital público e privado, permitiu avanzar na extensión de infraestruturas de telecomunicación na Comunidade e nos plans de modernización da Administración e da Xustiza, así como na integración das TIC na educación, no ámbito sanitario e do benestar e no impulso do sector da economía do coñecemento.
Así se recolle no informe Balance 2009-2012 da Axenda Dixital elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que foi presentado esta mañá pola directora da Amtega, Mar Pereira, no pleno do Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (Osimga).
Balance da Axenda Dixital
A responsable da área tecnolóxica da Xunta, indicou que, tres anos despois da súa posta en marcha o Plan de Banda Larga dotou de cobertura a case máis de 655.0000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir, o 83% da poboación sen servizo. Ademais, as actuacións do Plan conseguiron reducir dun 20 a un 3% a fenda dixital entre a Galicia rural e urbana. Ademais, grazas ao Plan máis de 1,1 millón de galegos, teñen acceso ás redes de nova xeración con velocidades de 100Mbps.
Galicia incrementou en preto dun 62% o número de fogares con conexión de banda larga contratada con respecto ao 2009, duplicando da media estatal e europea.
Mar Pereira destacou tamén o inicio do trámite parlamentario da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicación que busca regular o impulso e a ordenación das infraestruturas de telecomunicación na Comunidade.
Administración eficiente e austera
Outro dos eixos de actuación da Axenda Dixital é a inclusión das TIC en todos os ámbitos dos servizos públicos para conseguir unha mellor prestación para os cidadáns e unha administración austera e eficiente.
Nesta liña encaixa a creación en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica que xa integra baixo unha única dirección a 282 tecnólogos e os recursos orzamentarios de área tecnolóxica de seis consellerías. A Amtega constitúe un modelo de xestión integrada das TIC co que se busca ofrecer máis servizos, máis eficaces e con menos custe. A súa posta en marcha está a evitar duplicidades administrativas ao suprimir 15 departamentos administrativos conseguindo un aforro anual de 20 millóns de euros.
Unha estratexia única para Galicia que vai acompañada da posta en marcha tamén en 2012 Centro de Proceso de Datos Integral, que consolidará nunha única infraestrutura tecnolóxica todos os CPDs existentes, ofrecendo un servizo centralizado a toda a administración galega e aforrando custos por valor de 3 millóns de euros.
Dentro das liñas impulsadas pola Amtega para conseguir unha Administración máis eficiente, a directora da Amtega destacou que o emprego do software libre en proxectos de calado como Abalar, a rede Cemit e outros do ámbito da Administración permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011
eAdministración
O Plan de Modernización da Administración autonómica está a avanzar para conseguir unha administración máis transparente e aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste sentido, a sede electrónica da Xunta permite xa aos galegos presentar telemáticamente máis de 500 procedementos, máis do 30% dos dispoñibles e o 95% dos de nova creación. Antes do inicio do Plan só se podían xestionar electrónicamente o 4% dos procedementos.
A posta en marcha da versión electrónica do Diario Oficial de Galicia permitiu un aforro de máis de 1.100.000 anuais. No 2012 recibiu máis de 4,7 millóns de visitas e publicáronse máis de 13.000 anuncios.
Por outra banda, xa son 6.100 os empregados públicos acreditados dixitalmente e con sinatura dixital grazas ao Programa Kronos. Só durante 2012 se asinaron 67.000 documentos de xeito electrónico na Administración autonómica
Avances na sanidade, na xustiza e na educación
Cómpre destacar os avances da aplicación das medidas da Axenda Dixital en ámbitos de gran repercusión para o cidadán como a educación, a xustiza e a sanidade, onde a implantación da ereceita e da Historia Clínica Electrónica IANUS beneficia xa ao 100% da poboación. Dende a implantación da receita electrónica no ano 2009, as TIC permitiron ao Sergas disminuir en tres millóns as consultas medicas anuais nos centros de saúde. O 100% dos centros de Atención Primaria dispoñen do servizos de citación por internet.
No eido educativo, o Proxecto Abalar dixitalizou xa más de 1.993 aulas, en 533, e beneficia a máis de 43.100 alumnos. O espazoAbalar consolídase como punto de encontro na Rede de toda a Comunidade educativa con máis de 1 millón de visitas, 1.164 recursos educativos e 1 millón de contidos descargados polos usuarios.
No eido xudicial a Xunta investiu a través do Plan Senda 14 millóns de euros desde 2009 na mellora e renovación do equipamento e das infraestruturas tecnolóxicas nos órganos xudiciais galegos. No 2012 completouse a implantación de Lexnet en todos os órganos xudiciais galegos, rexistrándose un total de 2,5 millóns de notificacións telemáticas.
O despregamento da rede de videoconferencias, que da servizo ao 100% dos órganos preferentes (salas do penal, menores, violencia de xénero e vixilancia penitenciaria), permitiu en 2012 a realización de máis de 2.400 videoconferencias e un aforro de 260.000 euros en desprazamentos
Economía do Coñecemento
Durante 2010 e 2011 a Xunta desenvolveu distintos programas de axudas para impulsar o sector da economía do coñecemento nos que, se mobilizaron máis de 280 millóns de euros, dos que 133 corresponden a capital privado, cos que se subvencionaron máis de 1.600 proxectos de carácter tecnolóxico na Comunidade.
Ademais en 2011 aprobouse a convocatoria do programa FEDER-Innterconecta para fomentar o desenvolvemento de grandes proxectos de I+D+i no eido tecnolóxico, está a mobilizar un capital de 60 millóns de euros, e as iniciativas Hospital 2050 e InnovaSaúde con 90 millóns de euros, que permitirán deseñar o hospital do futuro.
Ademais, creouse o portal do emprendedor, aprobouse o Plan 100 TIC para fomentar a internacionalización e está a elaborarse o Plan TransformaTIC para potenciar e reforzar o sector TIC
En xullo de 2011 púxose en marcha o Centro Demostrador TIC, un punto de encontro entre a oferta do sector tecnolóxico de Galicia e demanda TIC do tecido empresarial galego, no que xa se presentaron 56 solucións tecnolóxicas e máis de 870 profesionais participaron nas súas actividades. O Centro puxo en marcha na rede o mapa de capacidades tecnolóxicas, MapaTIC.gal con de 178 provedores e máis 400 produtos e servizos TIC galegos.